Blog | El reverso de la semana / A semana do revés

O que a morte di de nós

O CEMITERIO de San Froilán será o escenario este ano dunha dramatización de ‘Don Juan Tenorio’ a cargo de tres grupos teatrais, dentro da programación que o Concello deseñou para conmemorar Defuntos. En anos anteriores xa houbo unha visita guiada nocturna, que se repetirá, e os concertos de música na necrópole convertéronse nun clásico. Son moitos os aspectos da vida cotiá nos que se apreza o enorme cambio cultural e social que viviu este país no último medio século, pero pode que sexa na forma de relacionarse coa morte onde houbo unha das maiores transformacións. Especialmente, na maneira de despedir os mortos.

Ata hai dous días, como quen di, os mortos velábanse nas casas. Acompañábanse toda a noite. Rezábase, falábase e tamén se comía e se bebía. Non se deixaban sós e as horas daban para todo. Hoxe, na maioría dos casos non só se velan fóra das casas, nos tanatorios, senón que moitas destas instalacións mortuorias están en parques empresariais. Por moi coidados que sexan estes espazos, como pode ser o caso do polígono das Gándaras, que foi concebido cuns estándares de calidade maiores dos habituais, en xeral son lugares que non chaman a estar.

Naves, talleres e gasolineiras non conforman o escenario máis axeitado para despedir a un ser querido. Son lugares ruidosos en horario laboral e ermos o resto do tempo. Teñen outras vantaxes, segundo explican os seus promotores, como as maiores facilidades para aparcar e para prestar o servizo. «Adoitan ser lugares máis espazosos e cómodos que os núcleos urbanos. E tamén se trata de non estorbar aos demais», explica un empresario. O solo para levantar un tanatorio ten que ter unha calificación determinada.

Hai cincuenta anos, máis dun morto se levantaría se se vira nun polígono industrial, pero en Lugo abriron dous este ano. Un é un edificio construído expresamente para esa fin e outro fíxose nunha nave que xa estaba levantada e que linda con outra na que acaba de abrir unha discoteca. Son actividades que non comparten horario, é certo, pero non hai mellor exemplo da transformación que esta sociedade viviu nas últimas décadas.

Estamos moi lonxe aínda desas sociedades nas que a morte é un rito festivo máis, pero quizais se afronta con algo máis de lixeireza que hai décadas. Os frenéticos ritmos das cidades grandes e modernas fan que os mortos se enterren cunha rapidez que non había antes. Nos tanatorios de urbes como Madrid hai horas de saída dos cadaleitos cara ao cemiterio e cúmprense estea o non a familia. Son présas condicionadas polo funcionamento das cidades e tamén por unha cuestión cultural, segundo opinan algúns profesionais do sector. No ámbito rural todo o mundo ten contacto algunha vez coa morte, porque os animais tamén morren, e iso fai que o final da vida humana tamén se vexa con máis normalidade. «En xeral vese a morte con moita máis naturalidade. Enténdese todo moito mellor», opinan nalgunha funeraria.

Porén, quedan moi lonxe costumes como a de fotografar os mortos ou mesmo retratarse con eles. Hoxe facerlle unha foto a un cadáver é case tabú, cando antes había nais que se fotografaban cos seus nenos falecidos no colo. Ás veces posaba toda a familia, irmáns incluídos, mentres que hoxe é común que aos nenos non se lles faga partícipes das cerimonias funerarias.

Nos tempos que corren, a ninguén se lle ocurre facer un cemiterio nun núcleo de poboación -entre outras razóns, porque a normativa impídeo- e, mentres que antes o coidado das sepulturas era algo que facía un mesmo, agora hai empresas que non só ofrecen ese servizo, senón que incluso se ocupan de levar flores ás tumbas e de retiralas cando esmorecen.

Cos camposantos sucede que, agora, algúns tamén son espazos de visita turística. Non é aínda o caso de Lugo, a pesar de formar parte da Rede Europea de Cemiterios. Quizais é porque os persoeiros enterrados en San Froilán non teñen o tirón de músicos ou poetas malditos, porque está alonxado da cidade e porque a promoción tampouco foi moita.

Hai cambios tamén á hora de enfrontarse á morte. Cada vez vivimos máis e cada vez queremos vivir máis, pero non a calquera prezo. Por iso, o testamento vital ou as instrucións previas xa non son termos descoñecidos. Hai incluso algunha sociedade, como a holandesa, que empeza a debater sobre a eutanasia para persoas que non están enfermas pero «desenvolveron un desexo de morrer persistente e activo». Un sentimento, este si, que existiu en persoas de todas as sociedades.

Comentarios