Blog | O Cabaret Voltaire

Todas as vidas entre Taragoña e o Gran Sol

Xavier Queipo deume unha envexa belga. Cóntame que en Bruxelas as reformas domésticas teñen un día de finalización a partir do que, se non están rematadas, se van descontando cartos. "Penalizan o atraso". Xavier anda nas inmediacións da xubilación como funcionario da Unión Europea. Regresa a Vigo.
Xavier Queipo. EDICIÓNS XERAIS
photo_camera Xavier Queipo. EDICIÓNS XERAIS

FORON 33 ANOS "nunha burbulla de traballo, reunións e viaxes" en asuntos relacionadas coa pesca que o levaron por todo o planeta no que hai beira de mar. En setembro vai picar ese globo cunha xubilación que lle posibilitará continuar a súa vida. Deixou transcorrer tres décadas con "saudades do bo clima e das horas de luz, que en Bruxelas son menos durante varios meses ao ano". Botará en falta tres cousas:
—O coello con cervexa de cereixa,  as anguías con salsa de menta e a actividade cultural. A cociña belga é curiosa, pero aprendín a facer eses pratos.

A maiores vai abrir un centro con tenda de vinilos e libros de calidade en varias linguas, sala de exposicións e de eventos. Polo de agora fai a súa achega co volume de contos Final feliz (Xerais). Son relatos que vai quitando da burbulla; ás veces con antelación, como O elevador, que fala dunha viaxe a Kiev que fixo en 2016, e  A navalla, sobre a pesca en Terranova.
—Unha vez atoparon un mariñeiro que morrera un ano antes.

Antes de ser biólogo, foi "médico rural". Estudou ambas as carreiras porque quería dedicarse á investigación de doenzas hereditarias. Lembra o pasamento dunha nena. Queipo descubriu que era "unha enfermidade que figura na letra pequena dos manuais" despois de analizala. "O pasamento de Nerea foi un dos episodios da miña vida" xunto cun home que atopou nunha corte de Taragoña asediado por un transtorno mental e a lepra en 1982, ou as prácticas xunto ao "Rei do Electroshock" en Conxo.

Xavier informouse de que buscaban biólogos para facer controis nos barcos de pesca. Advertiu de que tamén podía facer de médico

Daquela, rematada Medicina, fixo unha tourné por diversas especialidades; dous meses en cada unha. Da Pediatría transitou a Psiquiatría.
—Tiña moitos medos. Bulgákov escribe en Confesiones de un joven médico sobre eses medos, que son comúns aos médicos de todos os tempos e a todas a sociedades. El fala dun parto.

Xavier Queipo estudou Medicina e Bioloxía  como "mecanismo compensatorio". "En vez de vivir", estudaba. No resto do tempo, simpatizaba co Movemento Comunista Galego e militaba no Grupo Ecoloxista Autónoma, que axudara a fundar. O GEA non tardaría en destacarse no listado de grupos anarquistas causantes de inquietude na harmonía social dos anos 70 en Compostela.

Volvemos ao electroshock. Cóntolle que ao músico Lou Reed lle puxeron electrodos na cabeza para curarlle a patoloxía de que lle gustasen os homes. En fin. As consecuencias foron volvelo unha persoa rabiosa e os fantásticos discos da Velvet Underground.
—Había unha señora que camiñaba engurrada. Aplicáronllo. Experimentou unha mellora. Andaba normal e, aos tres días, volvía engurrarse. O choque fai que segregues hormonas e, cando se pon o sol,baixan. Eu en Conxo vin Birdie, vin Alguén voou sobre o niño do cuco; vin todas esas patoloxías. Metían enfermos no psiquiátrico, dábanlles un tratamento e botaban dez ou quince anos sen que se fixesen apuntamento ningún no seu historial médicos. Non se cambiaba a medicación. Mentres, morrían os familiares, os amigos; desaparecía a súa vida.

Nos anos 80 sobraban médicos en Galicia. As listas para ser contratado eran enormes. Xavier informouse de que buscaban biólogos para facer controis nos barcos de pesca. Advertiu de que tamén podía facer de médico.
—Había medio cento de barcos que faenaban en Terranova. Eran, sobre todo, galegos; algúns vascos. Durante os meses que estiven alí facía medicina por radiotelefonía. Todas as tardes, ás oito, abría unha consulta para toda a flota. En todos os barcos había un manual de primeiros auxilios, no que había debuxos do corpo dividido en cadrados, e un botiquín no que as medicinas están ordenadas en función desas cadrados. O enfermo dicíache: "Dóeme en A 7" e ti contestabas: "Toma o fármaco X que se correponde co cadrado A 7". Nunha ocasión diagnostiquei unha peritonite por radioteléfono. Fun indicando ao patrón os lugares nos que debía tocar ao mariñeiro. Salvámoslle a vida.

 Acabou facendo un labor "científico, funcionarial e diplomático", pero antes zarpou de novo, entre 1989 e 1994, como inspector

Tras rematar o contrato embarcado, os patróns para os que traballara pediron que o Instituto Social da Mariña o contratase como doutor nas illas de Saint Pierre e Miquelón, que están en Terranova, xunto a Canadá; pero son territorio de Francia. Os pesqueiros españois arribaban a ese porto, que lles poñía menos atrancos que as autoridades canadianas. Agora son illas da Unión Europea.
—Saint Pierre e Miquelón eran as dúas bases que usaba Al Capone para almacenar os milleiros de botellas de alcohol. Transportaba as caixas en barquiños polo río San Lorenzo arriba ata os Grandes Lagos. Desembarcaban en Chicago.

Volveu ser médicos nas Pontes ata que o chamaron de Bruxelas para traballar como inspector de pesca. Entrou nesa burbulla sen pensar que respiraria ese aire de luz sombriza, cultura incesante e gastronomía inesperada ata 2022.

 Acabou facendo un labor "científico, funcionarial e diplomático", pero antes zarpou de novo, entre 1989 e 1994, como inspector.
—Como o recibían en cuberta, Xavier? A Unión Europea encargoulle supervisar o que pescaban e canto pescaban. Non lles faría moita graza telo entre eles.
—Eran barcos españois e portugueses. Moitos xa me coñecían de Terranova. Agradecían poder comunicarse de primeira man. Había inspectores islandeses, irlandeses ou gregos. Non me recibían mal. Trataba de ser didáctico, de explicarlles o que podían pescar e o que non; de corrixirlles se anotaban mal o pescado. Discutíamos e chegabamos a un acordo. Lembro que usaba unha polaroid para ter probas. En caso de que tres ou catro meses máis tarde descubrise o mesmo barco o mesmo que lle avisara que non podía facer, tramitaba a proposta de  sanción.

Queipo indica que "os temas da literatura son a vida e a morte, que son as dúas caras do mesmo tema"

Entre nereas mortas de doenzas inauditas, vellos en cortes e mariñeiros con peritonite, reparo en que levamos unha fora conversando e novo libro de Xavier quedou nunha marxe do noso encontro. A experiencia áspera coa cativa centra o relato Nerea, o home cunha doenza mental é Paulo de Tarangoña e a historia de Terranova figura en A navalla.
—Xavier, nos contos de Final feliz atopo a color común de persoas en circunstancias difíciles que logran salvarse a través do amor.
—O libro trata máis ben de persoas que quedan abraiadas pola posibilidade do amor, pola oportunidade de que o amor poida existir nesas circunstancias. En Campo de batalla hai un cosaco e  un inimigo que se atopan e non se odian, non teñen motivos para odiarse. Mesmo nunha batalla dous militares de exércitos distintos poden tener unha relación sexual. O doente de Paulo de Tarangoña despídese do médico cun bico. Pode haber algo sensual nos lugares máis inesperados. Acontece tamén en  Final feliz, no que un vello disfruta de que unha rapaza lle lea libros. El idealízaa. O amor éntralle pola voz dela.

Queipo indica que "os temas da literatura son a vida e a morte, que son as dúas caras do mesmo tema". Subliña que esta obra non responde "a esa literatura do eu que é herdanza dos talleres de escrita, que ensinan a literatura autobiográfica". Pese a todo, entran asuntos como "Kiev e Terranova, que son anticipativos, desgrazamente; pero xa había guerra e xa había xente que morría en alta mar".

Comentarios