El tiempo
sábado. 24.09.2022
El tiempo

O calibre da esperanza

"A Gran Novela Americana tratará sobre a traizón da esperanza americana. O magnífico de América ata hoxe é que o idealismo segue presente. América está madurando, vólvese máis cínica. Porén, non é basicamente cínica". Patricia Highsmith. Diarios y cuadernos 1941-1995.
Patricia Highsmith. EP
Patricia Highsmith. EP

SE A GRAN Novela Americana tratará sobre a traizón da esperanza americana, pensei eu ao ler a Patricia Highsmith, de que trataría a Gran Novela Galega? Lembrei algunhas conversas, artigos, algún comentario deitado en quendas de preguntas. Pensei que a ninguén se lle ocorrería pensar que a Gran Novela Galega trataría sobre a esperanza. Si teño escoitado propostas ás veces: a Gran Novela Galega ten que ser sobre un tempo —a Guerra Civil, por exemplo— ou unha dinámica —a Emigración (a América)—, pero non sobre un valor, ou un gran tema. A esperanza, o que se di a esperanza, na literatura galega, non existe. Ou temos unha visión literaria tan curta que confundimos a esperanza coa literatura militante ao estilo dos 70. E ser considerado militante, mala cousa! Lembremos os covardes silencios das nosas letras sobre a guerra de Ucraína; unha literatura calada ante ese acontecemento non resulta defendible en ningures; é unha literatura que sega os seus propios pés. Se cadra a esperanza tería sido a propia escrita da Gran Novela Galega. Como un Mesías que redimira a literatura nacional e lle dera carta internacional, algo así como un diploma de fin de grao apto para entrar no mercado laboral das altas letras. Unha bonita novela contra a cal escribir para institucionalizarse como enfant terrible de xeito doado e sen ter que alcolizarse. Pero o tempo da Gran Novela Galega xa pasou.

Hoxe a Gran Novela Galega só é un topoi desempolvado para facer chiscadelas nas redes ou nas mesas redondas por escritores como Pedro Feijóo ou Diego Giráldez, algún autor da Xeración dos 90 non totalmente queimado ou un par de twiteiros aos que non lles dá moito resultado viral. Descoñezo se algún colega conserva esa ambición novelística. Tamén sentín un pouco de envexa do expresado por Highsmith: en crer que, máis cedo ou máis tarde, baixaría por unha columna de lume un texto que nos virá redimir, en considerar que vivía nun país que aínda non era cínico. Hoxe xa non sei se ela pensaría o mesmo. Pensei en que se cadra nestes tempos o papel dos intelectuais galegos —hoxe os escritores son a mínima parte desa idea, e pouco influínte— sería construír unha esperanza posible. Unha esperanza que se infiltrara como un estado de ánimo colectivo, como un elefante no medio da habitación que ninguén menta pero condiciona todo, unha esperanza lonxe de mesianismos e despreocupada da redención do pobo. E unha esperanza que non se derrubara como un castelo de naipes á primeira de cambio.

"Voltaire nunca tería soñado as posibilidades actuais da industria do luxo. Sendo ético, tecnolóxico ou cultural, o luxo pode crebar fronteiras que unha vez parecían infranqueables. Non hai razón para temer o futuro. No século XXI, o luxo será tan superfluo (e necesario) coma sempre" 
Antoinette Lemens. Linkedin

73. En San Rocco tomamos cócteles de serán nun cantil ligur desde onde o mundo se ve dourado e de cortes elegantes e o sol, ao se deitar, adquire ton musculado de deus mediterráneo; todo ao noso redor, hai aldeas fermosas e empoleiradas nas que vive xente maior pero ás que só se chega por dificultosos e escarpados camiños de pés. Non entran nin as Vespas. As vellas arrastran os pés con estoicismo para ir mercar un quilo de laranxas á tenda multiusos da aldea. E todo isto, a escasos quilómetros do luxo desbordante de Portofino; de feito tamén hai luxo nestes lugares inaccesibles. Para un galego criado nas décadas dos grandes investimentos en infraestruturas, isto é máis difícil de entender que a relixión etrusca. Non deixo de buscar pistas pola que poida entrar a ambulancia, o furgón do pan, o coche dos turistas, a camioneta dos construtores que levantan estas fermosas casas. Pero non existen!

Mudando de cama, vou correr días despois, ao mencer, polos campos e fragas da Toscana, entre viñedos, oliveiras e carballeiras. Camiños sen asfaltar, cheos de fochancas, atravesados polo xabarín; saúdo a señoras que regan, a agricultores que levan auga ás leiras. Polo camiño, van ficando ao meu carón outras pistas reviradas que conducen a exclusivas vilas e restaurantes de luxo. Aquí non están as masas proletarias que rebentan as prazas de Florencia e Siena; ninguén precisa facerse unha foto nos Uffizzi para demostrar nada. Ás veces, por estes camiños perdidos, crúzaste con algunha actriz famosa que se mortifica correndo coma min na fresca. O asfalto fica a varios quilómetros de todo isto. En Galicia tal cousa sería intolerable; alcaldes e columnistas falarían da vergoña destas pistas poeirentas e sen asfaltar nas páxinas dos xornais.

 Pensei en como nos tiñan calados os que deseñaron o ambicioso programa de infraestruturas viarias nos 80 e 90: o asfalto da vía rápida como masaxe para que as clases baixas percibiran sen complicacións as bondades do progreso democrático ao tempo que un mecanismo sinxelo para que as vellas familias, que xa non podían liderar os Ministerios porque quedaba feo, puideran extraer discretamente suculencias do novo maná europeo. Anos despois, o asfalto instalouse no noso subconsciente como parte do equipamento de serie da Europa contemporánea, moderna e con capital. As viaxes axudan a relativizalo todo. A idea de paisaxe, a idea da modernidade, a idea de luxo e a idea do benestar.

Sistiaga aborda a vida, anos despois, dunha serie de personaxes vinculados ao secuestro e asasinato do empresario Imanol Azkarate

«Que país se constrúe co sangue dos que naceron alí?»
Jon Sistiaga, Purgatorio. Plaza y Janés, 2022.
74. Remato ás tres da mañá Purgatorio, unha novela do reporteiro Jon Sistiaga sobre as feridas abertas tralo cese da violencia no País Vasco. Como xornalista, é inevitable recoñecerse en como Sistiaga aborda a escrita de ficción: nas nosas cabezas está un documental, aínda que evitemos por todos os medios facelo. Sempre se nos nota, e non ten por que ser malo. A novela de Sistiaga, un máis que solvente exercicio de novela negra, xira ao redor de tres grandes temas: a pervivencia do dano, a xestión da culpa e os alimentadores do odio. «Hai algo que tamén se repite constantemente en Euskadi, en Gaza, nas selvas de Colombia, en Irlanda do Norte: uns poucos profetas do odio, profesionais da manipulación, curiosamente sempre profesores, escritores, filósofos ou xornalistas, convencen a outros moitos da necesidade de facer sacrificios humanos para a Causa». Sistiaga aborda a vida, anos despois, dunha serie de personaxes vinculados ao secuestro e asasinato do empresario Imanol Azkarate. O comando terrorista que o secuestrou e matou, os líderes de Eta, a filla do asasinado, os policías que investigaron e torturaron. A complexa destreza de Sistiaga está en conseguir abordar de xeito poliédrico e sen medo todas estes personaxes, cunha humanidade que non é doada de conseguir e na que se aprecia, sen dúbida, a tralla dunha vida de xornalista en zonas de conflito. Sistiaga comprende as múltiples aristas da violencia e a súa xestión. Hai unha lección literaria aquí, nesta novela. Só a filla do asasinado, única personaxe feminina, carece de sombras: ela unicamente é dor, ausencia, vida truncada. Só cando ela coñece todo o que a danou, cando lle revelan á fin todos os detalles do asasinato do seu pai, comeza a abrirse a esperanza e a pechar o pasado.

O calibre da esperanza
Comentarios