viernes. 16.04.2021 |
El tiempo
viernes. 16.04.2021
El tiempo

O ciclo dos 100 anos

Imaxinemos que Galicia e Portugal fosen corpos celestes que, cada cen anos, achegan as súas órbitas. Propóñolles un xogo: ver de que xeito Galicia se proxecta no veciño do sur de cada vez, desde desexos clandestinos a intentos esnafrados
1061_1
1061_1

OÍDO


Se os de hoxe parecen tempos políticos convulsos, había que darse unha volta pola década de 1640, cando á coroa hispánica lle caían conflitos por todas partes. En 1648 os funcionarios de Felipe IV desmontaron unha conspiración organizada por Rodrigo de Silva Mendoza, quinto duque de Híjar. Este pretendía facerse rei de Aragón, e para iso estaba a tecer unha rede de apoios entre Francia e Portugal. No escrito de acusación do fiscal Agustín del Hierro accedemos a unha parte ben intrigante da conspiración: "Outro delicto de lesa maxestade é tratar de facer señor do reino de Galicia o tirano de Portugal, dando 500.000 ducados no seu empeño, e ademais un porto de resgardo, e que lle era mellor ao Tirano de Portugal gastalos niso, que cos exércitos. E que esa cantidade era necesaria para mercar o exército real de Cataluña (...)". Así o confesou, con voz exhausta, o capitán portugués Domingo Cabral. Vender Galicia a Portugal a cambio dunha certa cantidade —tampouco tan elevada, se atendemos aos orzamentos manexados polas cortes da época-—é unha noticia abraiante. Tiñan os conspiradores apoio aquí, existiran negociacións —e interese— en Portugal, ou era simplemente unha arroutada?.


VISTA


Avancemos case cen anos. A principios do século XVIII vívese outro momento convulso na política. Trala morte de Carlos II o Enfeitizado, Luis XIV consegue colocar o seu neto Felipe na coroa española. Isto provoca unha reacción en cadea das potencias que temen que o taboleiro europeo bascule demasiado. En 1704 Felipe V declara outra guerra a Portugal, o cal molesta ás cidades galegas, nas que se lembraba aínda a lacra da anterior guerra cos veciños. Para máis, os intentos borbóns de controlar a Igrexa alteraban a influíntes figuras como o arcebispo de Santiago, Antonio de Monroy. É neste contexto atopamos cun panfleto tan anónimo como abraiante, publicado en Compostela en 1712, co obxectivo de presionar á Coroa para reducir a presión fiscal motivada pola guerra con Portugal: os Lamentos do Reino de Galicia, oprimido cos tiránicos procederes do Conde de Chichirinabo. Nel fan circular un argumento para provocar o pavor do rei: "Que sabemos se o Ceo quererá, por que se desestiman os de Galicia, unilo ao de Portugal? E se Galicia casa con Portugal, non será un matrimonio tan indisoluble que só coa morte do mundo se poderá disolver? E se o Rei de Portugal se vise rei de Galicia, non sería en tal caso Rei poderoso de España, e o de Castela tan cativo... ? A todos estes grandes danos, pero inminentes males, abre a porta o poñer xugos intolerables sobre a caluga dos pobos". Outra crise, outra ameaza.


TACTO


E veña outro século máis para diante. Estes días batín coas memorias de Henry John George Herbert, o conde de Carnarvon, que en 1827 viaxou por Galicia e Portugal, no medio doutro convulso ambiente político entre realistas (absolutistas) e constitucionalistas (liberais), estes últimos perseguidos sen cuartel polo Capitán Xeral de Galicia, un elemento de cuidado chamado Nazario de Eguía. Lembremos que A Coruña foi o último foco de resistencia liberal ao exército dos Cen Mil Fillos de San Luís. A viaxe de Carnarvon é interesantísima, pero para este texto abóndanos cunha referencia. Traduzo: "Un home de rango aseguroume que os arrestos se produciron ultimamente con tanta frecuencia que el respiraba o aire local con medo e tremor. Agora rezamos, dixo, porque Galicia se poida incorporar a Portugal. A violencia contra estas ideas debe ter sido ben grande como para excitar, na mente dun español, sentimentos tan pouco coherentes co orgullo español. Os constitucionalistas desexaban ser separados dunha grande e antiga monarquía, perder un nome grande e glorioso, e unirse a un estado menor e comparativamente insignificante". Efectivamente, nos liberais galegos de principios do XIX a unión con Portugal era unha opción factible como xeito de escapar da caverna de Fernando VII. As apreciacións subxectivas de Carnarvon desvelan que pasou por Galicia demasiado correndo. Por certo, este Carnarvon foi o reformador do famoso Highclere Castle, no que se filmou Downton Abbey, e avó do lord que financiou a cinematográfica escavación da tumba de Tutankamón. Todo está conectado.

Teixeira de Pascoes participará no primeiro número de Nós. E ese non é asunto menor.


GUSTO


Pero esperen que seguimos, dando un chimpo doutros cen anos, a unha historia se cadra máis coñecida. Estamos en Lugo, en novembro de 1918, na celebración da I Asemblea Nacionalista de Lugo. Aí as Irmandades da Fala farán evoluír o rexionalismo cara o nacionalismo. Villar Ponte imparte unha conferencia-declaración de amor político a Portugal. Algúns titulares: "Galiza ten que considerar a Portugal como o baluarte da súa independenza espritoal", "A liberdade e a independenza de Portugal, considerámola os galegos como nosa mesma liberdade e independenza", "Galiza considera que ela com Portugal forma nazón compreta, tallada polo fatalismo histórico". Pouco despois, en 1920, o gran Teixeira de Pascoes participará no primeiro número de Nós. E ese non é asunto menor.


OLFACTO


Agora van dicir que me gusta forzar, pero xa verán. Xa metido a procurar a nova volta do ciclo (aproximado) dos cen anos, atópome co moi controvertido asunto da entrada de Galicia na Comunidade dos Países de Língua Portuguesa. Por se non o saben, a CPLP é un lobby no que hai moita máis economía e xeopolítica que lingua. Xa figuran como observadores consultivos a Academia Galega da Língua Portuguesa e o Consello da Cultura Galega. O Parlamento aprobou por unanimidade en 2018 solicitar a entrada de Galicia como "membro". Entenderemos que máis ben como "observador asociado", que é o rango que a CPLP lle dá aos Estados ou tamén, segundo o seu regulamento, a "regiões lusófonos que pertencem a Estados terceiros" —un xeito coma outro calquera de referirse a Galicia—. Entre as facultades destes observadores, atendan ao dato, está o de participaren nos cumios de xefes de Estado. Último capítulo: a iniciativa galega foi paralizada en xaneiro deste 2020 xa que a España lle entraron de súpeto as gañas de participar. Iso si, despois de que xa se incorporaran hai ben de anos numerosos países con fondos vínculos coa lusofonía como Eslovaquia,  Francia, Chequia, Chile, Turquía ou Luxemburgo.


PROXECCIÓN


Eu non o verei, pero convido a un vindeiro autor do Táboa Redonda do ano 2120 a que continúe este artigo actualizándoo coas novidades que nos agardan na vindeira volta orbital da relación co sur. Despois de ver o in crescendo performativo do ciclo nos últimos catro séculos, morro de gañas de saber como será a vindeira tentativa.

O ciclo dos 100 anos
Comentarios