El tiempo
viernes. 27.01.2023
El tiempo

A constelación das lembranzas

Na cultura galega actual hai procesos fascinantes que pasan desapercibidos. Un deles é a fabricación de memorias-exprés para vellas comunidades locais en vías de desaparición.

"O QUE FACEMOS é transformar as memorias individuais nunha memoria colectiva". 
Olalla Álvarez Cobián en Ciudad de la selva.

82. Remato de ver en Númax o documental Ciudad de la selva, dirixido por Miguel Riaño, sobre o proceso de recuperación da memoria dos refuxios guerrilleiros dos montes de Casaio. O documental, producido a partir dunha campaña de crowdfunding con achegas de catrocentas persoas, introdúcenos nun escenario natural apto para épicas como as dos insurxentes republicanos —un conglomerado de veteráns sindicalistas con fuxidos reciclados— contra o poder dunha ditadura que acaba de gañar unha guerra durísima. Os voos de drone conseguen transmitir a dureza do territorio no que os resistentes construíron uns chozos na década dos 40 que, malia teren vontade efémera, nalgúns casos aínda resisten con algunha parede en pé. Os chozos, no medio do bosque, en ladeiras difíciles, achegan os homes ás bestas que alí habitan. O documental de Riaño resolve con intelixencia a complexidade dun relato con moitas aristas. No coloquio posterior, chamei a atención sobre esa frase da antropóloga Olalla Álvarez Cobián, membro do equipo científico de Sputnik Labrego que levou a cabo a investigación arqueolóxica, documental e antropolóxica deste espazo. «Neste proxecto convertimos memorias individuais nunha memoria colectiva», sinala. Nesas memorias hai un punto de emoción, que eu tamén vivín durante o proceso de documentación da miña novela O exército de fume, ao entrevistarmos a vellos que coñeceron a guerrilla no monte cando apenas eran pastoriños de 10 anos. Vellos que falan cos ollos de nenos. Cada un deles garda a memoria de dous ou tres encontros memorables, lembranzas ailladas no mar da vida.

Durante este tempo, os arqueólogos crearon un dilatado conxunto de produtos de carácter científico, como artigos ou memorias, e divulgativo —vídeos, conferencias—, encaixando todas esas memorias infantís no dramático relato dos feitos dos conflitos europeos do século XX. "A guerra non remata en abril de 1939", asegura o historiador Alejandro Rodríguez no documental. O sorprendente, se nos paramos a pensar, é que todo ese complexo relato sobre un espazo aillado nos confíns do país practicamente non existía hai quince anos. Nin fóra de Casaio nin dentro. Está todo construído —ou amalgamado— por eles. O contraste entre a visión panorámica dos científicos e as memorias concretas das testemuñas da aldea é tan notable que se plasma en como se lle chaman. Para os veciños de Casaio, aqueles homes das montañas eran os ‘fuxidos’ ou os escapados. Para os científicos, son os guerrilleiros. Penso que nesas dúas formas —non antagónicas, pero si de mundos moi distintos— de chamar ao mesmo resúmese todo.

"—Son os que veñen amañar a carretera? 
—Non señora, somos peregrinos. 
Quédaseme mirando, desconfiada, pero eu sorrío, e ela tamén o fai e dime: ‘Hai dous anos que pasou un". 
Álvaro Cunqueiro. En el Alto Cebrero. Faro de Vigo, 1962.

83. Francisco Singul editou en 2004 en Alba unha fermosa compilación das crónicas que desde o Camiño de Santiago publicou Álvaro Cunqueiro no Faro de Vigo. O escritor percorreu o Camiño Francés, en compaña do fotógrafo Magar, en 1962, e deixounos textos deliciosos e maxistrais. Ao pouco de baixar O Cebreiro, Cunqueiro anota esa reveladora frase. Pasou un peregrino hai dous anos. Que o Camiño non fose percorrido nos anos 60 ou 70 é algo que cada vez se fai máis difícil de explicar. Simplemente non che cren, nin os peregrinos de fóra nin a xente da miña idade de dentro: asume a propia existencia do regueiro de peregrinos como algo intemporal. Non che cren porque o Camiño xa se incorporou na memoria colectiva. A lembranza contrasta con outra lenda urbana moderna: a de que o Camiño de Santiago moderno comezou na taberna compostelá O Gato Negro, ao redor do ano 92, cando Vázquez Portomeñe pariu a idea do Xacobeo nunha servilleta. A autonomía galega estaba en expansión neses momentos, cun Fraga imparable, e o relato da ‘inventio’ moderna do Xacobeo casa ben con esa autonomía en expansión. Sempre me gustou esa palabra ambigua: ‘inventio’ latina como descubrimiento, mudada ao galego como invención, é dicir, como algo que depende non só dos feitos senón de quen os conta. Toda inventio, mesmo actual, ten algo das dúas caras. 

Cunqueiro non fixo o Camiño no ano 1962 por devoción. A viaxe era parte dunha ampla operación de diplomacia cultural do Estado para promover o Camiño de Santiago como resorte para mellorar as súas relacións con Europa e optar, a través del, a irse incorporando á nacente unión comercial, xermolo da Unión Europea. Neses primeiros anos 60, antes mesmo da chegada de Fraga ao Ministerio de Turismo, a ditadura franquista promoveu a construción do relato do Camiño de Santiago con boa parte das ideas e características que logo serán destacadas e potenciadas cando a Xunta incorpore a idea á súa mecánica. Mesmo hai unha exposición espectacular, cun deseño que non desentoaría na actualidade, xa en 1963. Ollo, non explico isto como un xeito de deslexitimar un produto —o Camiño de Santiago— con innegables consecuencias positivas para o sector do turismo en Galicia. Non andamos sobrados de casos de éxito como é o Camiño de Santiago. Pero o que nos conta a recuperación do Camiño de Santiago é unha historia ben diferente á da guerrilla de Casaio: tamén é posible construír unha memoria colectiva convincente sen ter en conta as memorias individuais. O que lles contei o outro día da recuperación do Reino de Galicia vai xusto nese sentido, pero o reino ten os pés de barro: depende en exceso de vontades individuais.

O seu traballo lento, ás veces minucioso e valioso, dificilmente trascendía ás propias comunidades. Estas novas memorias exprés en parroquias ata o momento case ágrafas son signo dos tempos de hoxe. 

"O mito é unha ferramenta senlleira para soñar e, a carón da ciencia, dá resultados prodixiosos". 
Xurxo Ayán, San Lourenzo ven a nós. Memorias dun castro galego. (2020)

84. Aínda que o libro xa foi editado no 2020, o estudo etnoarqueolóxico do castro de San Lourenzo, na parroquia de Cereixa da Pobra do Brollón está agora dispoñible para a súa descarga de balde na rede. Proben a buscar en Google San Lourenzo ven a nós. Memorias dun castro galego. O libro é unha pequena xoia dixital que, na súa estrutura, narrativa e estilo literario só é concibible desde a personalidade —única e excéntrica no conxunto da cultura galega– do seu autor: o arqueólogo Xurxo Ayán. Se cadra non sexamos conscientes dos cambios que para a nosa historia cultural supoñen estas inventios da Cidade da selva en Casaio ou esta etnoarqueoloxía de Cereixa. Estes universos narrativos locais, tan complexos, con múltiples conexións entre a historia recente, a Prehistoria, as épocas intermedias, a etnografía agrogandeira, a conflitividade social medieval ou a represión franquista, construídos nun periodo curto de tempo, é unha das transformacións máis relevantes da cultura galega. Supera como proceso os propios estudos históricos dos que nace. Con independencia do alcance social destes arcos narrativos, limitados polos seus recursos, os escasos apoios institucionais e o localismo cultural do país, ata o momento a construción dunha memoria local era obxecto de solitarios eruditos, moi especializados nalgún ámbito -ou teima-, moitas veces indignados porque as Deputacións ou concellos non editaban os seus traballos. O seu traballo lento, ás veces minucioso e valioso, dificilmente trascendía ás propias comunidades. Estas novas memorias exprés en parroquias ata o momento case ágrafas son signo dos tempos de hoxe. 

Esta historiografía de nova xeración, que quere abranguelo todo como nunha novela-río, que integra sen medo os mitos e tradicións antigas dentro da metodoloxía científica e que combina os ‘papers cos vídeos de divulgación e as neorromarías resulta algo tan novo e escaso que cómpre chamar a atención sobre o excepcional, na Galicia actual, que está a ser. 

Na construción da memoria de Cereixa promovida por Xurxo Ayán e o seu equipo hai, por suposto, unha lectura parcial sobre o pasado, con temas estrela. Resiliencias e resistencias, a tensión entre os que mandan e os mandados, o peso da Guerra Civil no relato da comunidade, a imbricada relación entre a biografía familiar do arqueólogo e a propia xenealoxía da comunidade, son parte da elección. Pero lembremos que todo pasado está construído a partir de lecturas parciais. A inxente tarefa de construír unha narrativa local podémola ver como un exercicio de conectar puntos aleatorios, illados entre si, como se fai coas estrelas que forman constelacións; esas luces que antes de seren debuxadas e conectadas só entende quen as ve na súa cabeza porque ten a ciencia e a poesía para facelo, pero tamén uns ollos concretos que se fixan en momentos e procesos concretos. 

Non traslademos este fascinante exercicio de arqueoloxía e historia a toda a profesión en Galicia: tanto Sputnik como Ayán son voces case no deserto da profesión. Algúns dos seus conceptos ás veces son aplicados por outras empresas ou investigadores, pero é como a relación entre a alta costura e as tiendas de roupa de diario. Estes xeitos de facer son tan innovadores como pouco sustentables. Esixen aos científicos un compromiso que vai moito máis alá do académico ou do profesional, adentrándose no proceloso mundo do persoal, das relacións que se establecen coa comunidade, no labirinto de pasados que conectan ás persoas entre si. O resultado é un absoluto agasallo para as súas comunidades, pero tamén para os que ollamos o firmamento na distancia; non creo que sexan abondo valorados nin comprendidos polo propio establishment cultural, sexa o que for. Como antigos astrólogos, eles axúdannos a observar os cabalos, os deuses e o futuro nas estrelas.

A constelación das lembranzas
Comentarios