domingo. 26.09.2021 |
El tiempo
domingo. 26.09.2021
El tiempo

Entre nós

Esta é unha quincena estraña: soan a morto as campás da catedral, chéganme libros cheos de preguntas máis que de respostas e por riba e verifico unha vez máis que non temos remedio. Nin remedios, que é o peor

ManuelG

GUSTO. Luísa López, a inqueda activista cultural que fora presidenta da asociación cultural boirense O Faiado, déixame no Liceo da Pobra algúns libros de vellos camiños que editara a entidade no seu momento. Cando os abro na casa, atópome cunha sorpresa. Aquí e acolá, camuflados polos libros adiante, sen aviso previo, sen tiras de post-it's asomando, hai anotacións que me foi deixando Luísa. "Fíxate nisto", dime aquí. "Non che parece este lugar moi parecido a aqueloutro?", pregunta alá. E máis adiante, "será este camiño parte da vía romana Per loca maritima?". É como se Luisa deixara as preguntas sen a necesidade de sentir unha resposta inmediata, sen o doble check azul do whatsapp. Algún día dentro dun par de anos, cando avance na lectura do libro, atopareime esas preguntas e saberei que non teño resposta para elas.

TACTO. Aterécenme os dedos, o frío córtame a cara, e estou a más de mil metros de altura. E quero re-ver. Fágoo con numerosas ocasions. Non só nos libros; ás veces os lugares coñecidos e visitados tamén gardan as respostas por anos. Cando era adolescente, percorrín todos os lugares antigos da miña contorna moitas veces; sabía cada volta dos camiños, cada pedra sostida en equilibrio. Durante moitos anos non os volvín visitar, e cando o fixen, haberá apenas tres anos, descubrín novas lecturas. Non me pasara como cando Carlos III retornara a España desde Nápoles e visitou un antigo pazo no que pasara a infancia: decatouse do pequeno que era aquel inmenso edificio da súa nenez. A miña re-vista é extraña, porque o que eu de mozo cría particular do meu mundo agora véxoo universal.

VISTA. Dicía que a máis de mil metros de altura, rodeado de tremendos monstros eólicos, gárdanse como unha cápsula do tempo un valado que non é valado, que volves ver cando a vista aprende a ver. Era o que ía buscar, pero a vista miraba para os enormes muíños de vento. Vin claramente, non coma profeta, senón como home escéptico, o futuro dentro de cincuenta anos deses xigantes. Derrubados sobre o alto dos montes, caídos sobre as antigas pistas abertas para chegar a eles, carne oxidada do Instagram que exista de aquela e das explicacións dos roteiros de sendeirismo. Esas torres abandonaranse sen plans de restauración do contorno, ningunha institución —as que existan entón— farase cargo deles e as súas chapas arruinadas e estradas entre o toxo serán unha especie de didáctica explicación do último entreséculos, cando Galicia gobernou por primeira vez algo do seu destino e o que conseguiu foi fracturar a liña do ceo.

OÍDO. Pola mañá, ben cedo, as campás da catedral de Compostela soan estrañas, marcando un ritmo inusual. Están tocando a morto. A Catedral tocando a morto. A primeira vez que as escoito, e sorpréndome de como as paisaxes sonoras son tamén inconscientes. Por quen poden tocar a morto as campás dunha sé do Fillo do Trono? Logo sei que o fan polo coengo Alejandro Barral. Estas dignidades aínda son despedidas desde a Berenguela e soterradas no claustro do monumento, coma sempre. Con Barral baixei eu por primeira vez, hai moitos anos, ás ancestrais tumbas que rodean o mausoleo do apóstolo. El era un cura fumador. E paseabamos entre osos e caveiras acompañados dunha nube de tabaco negro.

OLFACTO. Nunha entrevista leo a enésima afirmación de que na literatura galega se publica demasiada novela histórica. E veña, e tumba, e dálle. Por se acaso me perdín algo fago unha simple procura nas novidades editoriais publicadas nos últimos anos (2016-2018) nas principais editoras do país, e confirmo o que xa sabía. A presenza da literatura histórica é, ao contrario do que se pensa, moi reducida. Cinco ou seis títulos nas coleccións de narrativa para adultos, e aínda menos nas infantís. Desengánense: na literatura galega actual a temática histórica non é moi frecuente e, en relación á tematica rural, hai anos que a novelística do país non ve un hórreo nin a quilómetros de distancia desde hai décadas, exceptuando autores como Manuel Turnes. Dúas grandes anomalías.

RETRANCA. Cal é a causa? As ausencias son presenzas. Que pensamos que nos asalta a novela histórica e nos anega o ruralismo, pode indicar dúas cousas: ou estamos moi desconectados do presente da literatura do país, ou os tópicos cos que nos aferramos a unha visión do mundo son tan teimudos que fan a realidade impenetrable. Víctor Fernández Freixanes, nalgunha xuntanza literaria, botaba man da retranca para explicalo. "A ver, se non nos lemos entre nós, quen o vai facer?".

Entre nós
Comentarios