jueves. 17.06.2021 |
El tiempo
jueves. 17.06.2021
El tiempo

A ficción da ficción

Aínda que non queiramos recoñecelo, a literatura galega perdeu hai tempo a súa condición de bandeira nacional. Aproveitemos ese alivio para conspirar desde as sombras.

OÍDO
UNHA OLLADA rápida en Spotify á lista Billboard 100 —a principal referencia musical global— revela algunhas características de gran interese: moitos dos grandes éxitos musicais do momento son temas que non duran xa nin tres minutos, e poucos pasan dos dous. O mesmo acontece cos seus títulos. Son cancelos do Instagram ou do Twitter. Teriamos que chegar ao posto 25 para atopar un con catro palabras: é What you Know Bout Love (sic) de Pop Smoke. Este acurtamento ten unha explicación: as plataformas de streaming pagan por número de temas reproducidos. Así que os artistas non teñen problema ningún en reducir a duración dos cortes para facturar máis, enredar a un oínte máis distraído que nunca e mantelo cabo deles. Un álbum como o novo Embora, de Verto ten catorce temas. Só nos dous últimos danse o gusto de pasar dos catro minutos.

OLFACTO
A música está acostumada a lerchear entre ese trío chamado sociedade, tecnoloxía e cultura; a sobrevivir e reinventarse nese mar cambiante. Podemos atopar algo similar na literatura? Para comezar, nin sequera o número de páxinas é relevante para determinar esa adaptación, e é frecuente que libros de a quilo poidan ser moito máis lixeiros e de lectura rápida que outros de duascentas páxinas. A adaptación dase, sobre todo, no olfacto editorial. E no caso dos escritores, poderiamos falar dos enfoques, dos estilos, dos xéneros e das temáticas. Pero, como reaccionan os escritores ante os cambios do lectorado para seguir próximos ao público?.

VISTA
Pasado o Día das Letras Galegas, remato por pensar en como se parece a outros ritos da cultura galega tradicional, que naceron para unha cousa, pero en realidade hoxe representan outra. Pensemos na procesión do Nazareno da Pobra do Caramiñal, que celebraba en segredo o líder irmandiño que derrubou o castelo local, pero na que hoxe se camiña para pedir curacións miragreiras. O Día das Letras Galegas aproveitou esa idea do escritor como alma da nación para conmemorar, en pleno franquismo, a herdanza do país de xeito pouco sospeitoso. Era ese escritor-símbolo, puro produto do XIX, da revolución lectora burguesa, das ideoloxías do volkgeist. Non sei moi ben que celebramos agora. Se cadra, tentamos demostrar o moderno que é o galego a través do moderna que era Xela, ou algo así. Soan estrañas e pouco convincentes esas afirmacións, sexan certas ou non. Son coma as campañas turísticas de Andalucía ou Estremadura, que sempre amosan a nenos bañándose en ríos caudalosos. Se afirmamos algo tanto, é que algún problema hai. Pero criticar o Día das Letras Galegas é como criticar a ancestral procesión da parroquia: vístete como queiras, pero non podes facer a procesión sen o santo e o cura na cabeceira. Mellor propoñer outras accións e outros días adicionais para celebrar a literatura no outono e no inverno —e aí xa comezan a faltar as propostas, curiosamente, a ver se o problema non vai ser o Día en si—.

de cada cen libros vendidos en Galicia só un é de ficción en galego para adultos. Só un. Eu aínda calculáballe un pouco máis: cinco.


GUSTO
A cuestión é en que medida non vivimos nunha obsesión inesgotable e agachamos verdades que, de asumidas, deberan meternos nunha necesaria revolución da anormalidade. Pregúntolle a Manuel Bragado, antigo editor de Xerais, por un dato que sospeitaba e que asusta, unha desas cifras que calamos en parte por vergoña, en parte por medo de que todo se veña abaixo coma un castelo de naipes. El confírmamo: de cada cen libros vendidos en Galicia só un é de ficción en galego para adultos. Só un. Eu aínda calculáballe un pouco máis: cinco. Non é só irrelevancia, é unha sociedade virada de costas á súa literatura, case como se lle repugnara. Acontece tamén ao revés? Somos unha literatura virada de costas á sociedade? En que medida vivimos nunha impostura? Hai tempo que a literatura e os escritores deixaron de ser os creadores do imaxinario nacional.

TACTO
Teño a sensación de que aceptamos resignados vivir no medio do incendio e asumir que tampouco se está tan mal dentro: o lume queima, pero está quentiño, aínda menos mal. Se foramos realmente conscientes dese dato, botariámonos á trincheira e reaccionariamos ao noso contorno coa axilidade da industria da música, na procura do lectorado. Asumir —de verdade— que o escritor non vive nunha burbulla e que unha parte indispensable do acto literario, que é un acto de comunicación, é o receptor. Precisamos enlamar as mans, capturar o espírito do noso tempo e esprimilo con tanto enxeño que a calquera lector de boa vontade sexa imposible non ser cómplice da nosa conspiración. Pensen nun escenario algo utópico, pero factible: pasar de vender un libro en galego de cada cen a vender dez. Só esa porcentaxe sería un cambio de escala brutal, que nos levaría a unha dimensión totalmente nova para a literatura galega. Pensemos tamén que esa minoría lectora que aínda sobrevive en galego -de diferentes xeracións- é unha xoia, un núcleo ávido por medrar. Eses si que son cómplices para esta revolta. Desaparecida a relevancia dos escritores, deberamos ser conscientes da oportunidade do anonimato para reinventala case desde cero.

REVELACIÓN
Eu escoito moito o que me contan os libreiros, que é xente que non anda con viravoltas. Lembro o impactado que quedei cando Cano Paz, da Libraría Paz de Pontevedra, díxome outra desas verdades sinxelas e reveladoras: «Nestes momentos o libro en galego ten un problema. O seu lector xubílase e, como perde poder adquisitivo, merca moito menos». Cano falábame deses compromisarios do país, mulleres e homes dun tempo determinado que sostiveron durante algunhas décadas a ficción da ficción. Esa durísima revelación debera tamén sacudirnos. Por exemplo, eu comecei a ampliar as redes nas que existe un público máis novo, e vai funcionando. Pero teño a sensación de que ás veces agardamos xubilarnos tamén nós para xogar á brisca con aqueles abnegdos lectores e lembrar os vellos tempos.

A ficción da ficción
Comentarios