jueves. 29.07.2021 |
El tiempo
jueves. 29.07.2021
El tiempo

Firme convicción

gago
gago

O NOVO LIBRO de Emilio Grandío deita unha ollada única sobre a tremoia británica de espionaxe na Península Ibérica durante a II Guerra Mundial. O historiador Emilio Grandío publica Hora Zero (Cátedra, 2021), un aditivo ensaio sobre a intelixencia británica en España durante a Segunda Guerra Mundial. E cando falo de aditivo refírome que se le como quen ve un bo documental  sobre a II Guerra Mundial, sen renunciar ao ensaio de alta divulgación: o libro explica procesos, desvela estruturas, contextualiza situacións e personaxes.

VISTA
Hora Zero refírese ao calendario para o desembarco aliado no continente, unha conta atrás que nalgún momento incluíu tamén ao réxime franquista. Grandío é o grande especialista en espionaxe na Segunda Guerra Mundial no Estado: ten esfuracado nos National Archives británicos e nas abundantes causas militares conservadas nos Arquivos Militares españois, e conta cun estilo moi particular: ironía soterrada, trazos de cronista bélico e certo apuro de quen ten que enviar o telegrama antes de que comece o bombardeo e corten as liñas.

OÍDO
No libro este profesor da USC alude a un fenómeno que non é doado de entender: a proximidade entre os inimigos na II Guerra Mundial. O cinema e a literatura encargáronse de repasar con lapis gordo os trazos divisorios entre potencias, pero a análise histórica introduce novos tipos de certezas. Cito a Grandío: "Como entender se non, que o acabado de chegar embaixador británico [en 1940], Samuel Hoare, tras residir uns días no Hotel Ritz de Madrid, elixa unha casa en pleno centro da capital, anexa á do propio embaixador alemán Von Stohrer, separadas ambas unicamente por un tabique?". Hoare explica nas súas memorias que o seu obxectivo era "aparentar indiferenza", aínda que iso significase escoitar os xuramentos xermánicos a través das paredes. Había moitas máis conexións persoais, ideolóxicas, empresariais entre os bandos do que hoxe podemos pensar. O libro tamén deixa clara a oportunista posición británica, que non pode ser avaliada unicamente pola Guerra senón por moitas décadas de intereses económicos e pola preocupación diplomática ante a evolución da República. No libro non se ignoran os apoios loxísticos da intelixencia británica nos inicios do golpe militar. A complexidade esbózase en todas as súas dimensións: como dentro do propio bando inglés en España, mentres Hoare realizaba accións diplomáticas outros departamentos preparaban redes de intelixencia e sabotaxe de maneira independente. Nunca se podían poñer todos os ovos no mesmo cesto.


OLFACTO
Grazas a Grandío puiden achegarme aos documentos nos que baseou parte do seu traballo. No Arquivo Intermedio Militar consultei algunhas desas causas de espionaxe nas que están gardadas liñas crebadas da Historia galega. Hai camiños do tempo que son como trebóns: vémolos formarse pesados na documentación, van ennegrecendo e collendo mala pinta, sube a calor, a humidade, baixa a presión e os insectos vólvense máis molestos. No Arquivo, un dos técnicos sorriume cando lle requirín esa vella causa militar. "A dos espías, eh? Vaia película que hai aí", díxome cómplice. Falabamos da Rede San Miguel, desmantelada en León en novembro de 1943 coa morte a tiros de Lorenzo San Miguel e a incautación da súa documentación: fotografías, documentos, folletos anglófilos, tarxetas, códigos cifrados, contrasinais, cartas de amor e rexeitamento, facturas, itinerarios comerciais trucados, mapas rascuñados. É unha absoluta xoia. Desprego algúns dos documentos con emoción. Velaí está a praia de Doniños perfectamente trazada, con alturas de calado con marea alta e baixa. Río para dentro. Os ingleses tamén desembarcaron en Doniños o 25 de agosto de 1800.

Algunha xente na exposición imaxinaba un futuro de democracia e progreso, como se o golpe de estado franquista fora un mal pesadelo de sete anos


TACTO
Nalgún búnker de Londres alguén estivo considerando aqueles mapas manuscritos para trazar sobre eles as zonas de desembarco nas rías durante a Segunda Guerra Mundial de miles de soldados británicos, norteamericanos, australianos, canadenses e, se cadra, polo medio, algúns galegos republicanos que retornarían ao seu país dun xeito nunca imaxinado: en barcazas de solo plano e cun fusil na man. Algúns dos documentos desfánseme nas mans: arrepíntome de telos tocado, ao tempo devezo por seguir mirándoos. Os máis emotivos son as fotos das mozas de Lorenzo San Miguel. Rapazas guapas, vestidas de domingo, posando inocentes diante de instalacións militares e barcos de guerra franquistas, para despistar. Pensei en cantas fotos de rapazas inocentes recibirían nas oficinas de intelixencia de Londres, procedentes de toda Europa, posando namoradas para espías que en realidade as empregaban como tapadeira dunha vida errática. Que dirían delas? Lorenzo San Miguel tiña, como tapadeira, noivas simultáneas en varios dos portos do noroeste. Unha escolma de todo este material incrible presenteino, en versión facsimilar, na exposición Galicia, un relato no mundo. Cantas veces temos a oportunidade de ver, de xeito tanxible, unha liña temporal interrompida? Que tería sucedido se os aliados desembarcaran en Galicia? Algunha xente na exposición imaxinaba un futuro de democracia e progreso, como se o golpe de estado franquista fora un mal pesadelo de sete anos. Despois de ler Hora Zero e o comportamento inglés durante todos aqueles anos non teño tan claro que iso fora a ser necesariamente así.


GUSTO
Accedo en Ferrol a outra causa militar, xa de 1945. Os norteamericanos denunciaran unha rede de espionaxe alemá en Vigo e fixéronlles caso: Franco xa estaba noutro sitio. O cine deunos unha idea moi sofisticada da espionaxe, pero esta vizosa documentación, esquecida e en mal estado, amosa que a mellor acción clandestina é aquela que está integrada como unha luva na rutina diaria de xantares e traballos, aínda que certa candidez da época desconcértame. Hai unhas instrucións a un espía que traballa para os alemáns, prescribindo o santo e sinal. "Para que a central poida comprobar que vde. segue traballando normalmente, esta preguntaralle a vde: Hai aínda moitos xermanófilos? e para saber que é vde. o que contesta, deberá vde. dicir: Estou firmemente convencido de que os que sempre o foron seguen a selo. A esas alturas, a camuflaxe perfecta era confesar a vocación nazi. Ben pensado, a esas alturas da película, coas ratas escapando do Valhalla, como contrasinal era perfecto.


CONTRASINAL
Bebo con amigos unha boa botella de Phillipe Alliet, viticultor do meu querido concello de Chinon, no val do Loira. É unha cabernet franc, deses tintos singularísimos do Loira, de forte sabor mineral e unha expresión complexa. Ás veces non sei distinguir que está antes: o estado de ánimo ou o viño. Pero ao beber esta botella, a coincidir con estas historias de espionaxes, brindei por estes espías na España franquista. "Estou firmemente convencido de que os que sempre foron aliadófilos seguiran a selo, díxenlle aos amigos. Non entenderon nada, pero xa están acostumados. Ás veces brindo con viños caros polas pantasmas do pasado.

Firme convicción
Comentarios