Blog |

Humana ata para iso

Algunha xente argumenta que a intelixencia artificial parece intelixente, pero que en realidade non o é. Como se non tivésemos que atoparnos a diario con persoas que tamén parecen intelixentes pero non o son, que reciclan contido, imitan os discursos de moda e modulan as súas relacións para a adulación e o beneficio.
Frankestein

"Aprende de min, senón polos meus preceptos, cando menos polo meu exemplo, o perigoso que é a adquisición de coñecementos"
Mary Shelley, Frankenstein
117. Xogar ás predicións tecnolóxicas é un exercicio arriscado: o papel terma do que lle boten e con frecuencia o pasado regresa con mala intención. Pero creo que trabucarei se afirmo que a cultura creativa –isto é, as artes no seu amplo e diverso sentido– van vivir un cambio radical nos vindeiros anos. Por radical aludo á orixe do vocablo, refírome á raiceira, á orixe de todo proceso creativo. Levo varios meses experimentando con diferentes plataformas de intelixencia artificial (IA) xenerativa, é dicir, da que crea textos e imaxes: ChatGPT, Midjourney, Dall-E sobre todo. Non hai que ser moi espabilado para saber que isto non é como a típica app que se pon de moda durante dúas semanas e da que todo o mundo pega resultados chuscos nos seus perfís sociais. Chegou para quedar e vai transformar de xeito profundo a cultura e toda a sociedade que coñecemos.

Desde logo non é algo novo: o núcleo e a idea tecnolóxica detrás de todas estas tecnoloxías leva desenvolvéndose desde hai varias décadas. Non é un big bang, aínda que algúns o pensen. Todos, vostede incluído, levamos alimentando estas máquinas desde hai uns cantos anos. Pero os avances tan espectaculares que estamos a ver nos últimos meses evidencian a entrada nunha nova fase. As novas aplicacións desbordaron o test de Turing, o sinxelo procedemento inventado polo matemático homónimo en 1950 para debater, filosoficamente, en qué medida unha máquina podía imitar a un humano. É moi curioso que todas as novas probas de detección de robots concibidas desde entón van sendo rebasados polas sucesivas propostas. Parece que o exército de máquinas salta todas as gabias e foxos dispostos para protexer a nosa encastelada definición de especie pensante e consciente. Os avances son tan considerables que nos sentimos como aqueles xornalistas do século XIX asistindo á transformación acelerada do seu mundo. Cunha gran diferencia: no XIX o asombroso avance tecnolóxico vivíase con optimismo. Hoxe facémolo con prevención e un certo medo, sabedores da capacidade destrutiva e dolorosa das revolucións tecnolóxicas. Hal 9000, desde 2001: Una odisea en el espacio (1968), o filme de Stanley Kubrick, construiu unha personalidade que nos alertou ao redor dunha certeza: cando algo se dota de consciencia, tamén se dota de intereses propios.

"Unha vez que aceptamos que os animais soñan, contraemos unha serie de obrigas morais e non temos máis remedio que pensar a nosa opinión sobre quen son os animais e a vida interior que levan".
David Peña-Guzmán, When Animals Dream: The Hidden World of Animal Consciousness (Princeton University Press, 2022)
118. Isto sucede ao tempo no que moitos pensadores cuestionan as barreiras conceptuais que diferenzan, ou diferenzaban, os humanos doutras especies animais. Soñan os androides con ovellas eléctricas?, preguntábase Philip K. Dick. O filósofo mexicano David Peña-Guzmán acaba de publicar When animals dream: The hidden world of animal consciousness (Princeton University Press, 2022) no que se pregunta polo soño: esa experiencia que ata agora considerabamos un patrimonio humano. No fondo aínda preservamos a vella crenza de que o soño era un agasallo para entrar no mundo dos deuses, e non tanto o que en realidade é: unha funcionalidade dos cerebros –en calquera especie– para organizarse e estruturar a información recibida. A propia idea de humanidade que tiñamos ata o de hoxe erosiónase desde as beiras do inerte e do biolóxico. Non é difícil facer outra predición: estes debates, que xa están na palestra do político, intensificaranse nas vindeiras dúas décadas, asegún estes horizontes nos fagan cuestionar cada vez máis a nosa singularidade como especie –e, polo tanto, a lexitimidade do dominio sobre o mundo–.

"É importante non claudicar fronte aos imaxinarios do futuro impostos. O futuro tamén é un territorio en disputa"
Paula Ricaurte. Anuario AC/E 2022 de cultura dixital
119. Comecei a experimentar con IA xenerativa como sempre fago, de xeito aplicado ao meu traballo. Empreguei as apps para ilustrar fíos de Twitter sobre historia e mitoloxía galegas. Un debuxante afeoume en público que empregara eses sistemas porque afectaban laboralmente á profesión do ilustrador. O mundo estoupaba en imaxes artificiais, pero as reaccións era meternos dentro da cova a ver se o mar retrocedía por el só. Pouco despois apareceu a primeira versión pública de ChatGPT. Pregunteille como se producira o atentado –inexistente– dos Reis Católicos na súa visita á catedral de Santiago. O ChatGPT mentiume con moitos detalles saborosos e coloristas, como que o arcebispo Fonseca se interpuxo entre o asasino –procedente dunha familia represaliada na década anterior por Isabel e Fernando– e os monarcas. Tras algunhas probas posteriores decateime de que o propio traballo dos xornalistas e doutras profesións baseadas na produción de contido acababa de entrar na principal crise da última década. Por agora son as imaxes e o texto, está comezando a música e nun par de anos o audiovisual artificial obterá resultados satisfactorios que, en cinco anos, serán espectaculares.

Algunha xente, cunha notable miopía presentista, tenta quitarlle importancia a estes cambios argumentando que a intelixencia artificial parece intelixente, pero que en realidade non o é. A IA é humana sobre todo niso. Na escala de valores liberal construída no século XIX a creatividade e o xenio do artista segue a estar na cúspide, pero é unha trola colectiva: a creatividade non vale de nada para o cliente en canto consegue algo aceptable no tempo estimado e de balde, ou a un prezo mínimo. E por riba sen ter que aturar o artista.

Sabemos que vai suceder, porque xa o vimos coa mellora das cámaras dos teléfonos móbiles. Moitas pequenas e medianas empresas que se valían de fotógrafos profesionais pasaron a publicar fotos lamentables feitas pola xente de Marketing co móbil novo da conta corporativa. Aínda que as diferenzas de calidade eran clamorosas, eles non as percibían; eran incapaces de valorar a diferencia entre un excelente traballo dun profesional e a caricatura feita cun iPhone, inservible máis alá da pantalla do móbil. Ese é o problema da produción cultural, que a valoración é subxectiva, porque o gusto do cliente e do consumidor é conservador, e aí é onde a IA vai atopar a brecha que faga convulsionar todos os oficios creativos.

Será preciso un esforzo incrible e sostido para competir coas futuras versións da IA. Na batalla da cultura mainstream, só se pode saír derrotado. Só se me ocorre un xeito de afrontalo: nunca perder de vista que a IA é unha ferramenta e, xa que logo, debe ser empregada como sempre se fixo: para intervir no mundo. O futuro será de quen se apropie da ferramenta, non de quen se dedique a comentala. Precisamos incorporala xa no noso traballo cultural, asumindo que conforme o fagamos, a propia idea de cultura, tal e como hoxe a entendemos, irase desfacendo baixo os nosos pés.

Comentarios