sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

Liberdade nos primeiros

A vida divídese entre escoller entre os primeiros e os segundos pratos
Kiko Amat
Kiko Amat

OS ÚLTIMOS tamén serán primeiros. Unha característica pragmática da hostalería galega é que é moito máis creativa e divertida nos primeiros que nos segundos pratos. Así mo teñen constatado moitos cociñeiros que conseguen manter a solvencia dos seus proxectos de arelas creativas en contornos de gusto conservador. É un pouco como todo nas nosas vidas. Certas licenzas nos primeiros anos pero despois, no momento que se supón crucial, optamos polo bistec con patacas fritidas. Eu cada vez son máis de pedir un lote completo de divertidos primeiros e esquecerme dos segundos, desas racións copiosas e pesadas destinadas a calmar unha ansia viva e amortecer o corpo. Se cadra tamén haxa na miña elección algo que vai más alá da vontade de controlar a inxestión de calorías.

VISTA
Tendo a desconfiar -creo que inxustamente- dos libros que están na boca de todos. Por exemplo, dame certa preguiza (aínda que sei que rematarei por facelo) achegarme a Un amor de Sara Mesa (Anagrama, 2020), e non tanto polo libro en si como polo rebumbio. Mentres leo un libro non me gusta nada ir comparándoo na miña cabeza co que me atopei antes sobre el. Aínda que boto moita man da crítica para escoller as miñas lecturas, unha vez tomada a decisión sobre o libro prefiro ignorar a conversa ata levalo avanzado. E sei que o libro me está a gustar porque cando xa vou pola metade comezo a buscar entrevistas ao autor. Como cando coñeces a alguén novo que te sorprende, o que fas ao chegar a casa é tentar saber nas redes de quen vén sendo.

OÍDO
De Kiko Amat levaba tempo escoitando un zunido ao que non lle facía moito caso. Sabía que era unha aposta contracultural de Jorge Herralde, o editor de Anagrama, aínda que os argumentos dos  libros non me entraran moito polo ollo. Pero o outro día cacei no andel de novidades esta novela, Revancha (Anagrama, 2021). E aínda que para nada sería o que andaba a buscar, o corpo díxome que se cadra esta historia de ultras de fútbol e de violencia marxinal na periferia barcelonesa é o que estás precisando neste momento. Velaí que me atopei a un escritor notable, con enormes capacidades narrativas que, por certo, comeza a historia cunha escena de tortura a un galego pijo. A Revancha de Kiko Amat —un autor que é tamén unha personaxe- debuxa con mestría un mundo sórdido e cruel no que, sen embargo, é capaz de construír unha tenrura veraz. Nas entrevistas, Amat achega un dato fundamental que se cadra aos escritores do noso país lle custa entender: o seu folclore de infancia non era o dos avós, senón o dos skinheads, e as historias que circulaban sobre eles. Eu vivín a adolescencia en Madrid, e lembro esa narrativa popular de barrio de clase media-baixa. A desconfianza (o medo) coa que ollabamos a aqueles elementos no metro, coas súas bomber verdes, as súas botas negras, os seus tatuaxes de cruces célticas.

Os que tiñamos orixes galegas nunca falabamos de el pueblo, senón da Pobra, de Sada, de Lalín. Era esa, agora o sei, unha diferencia cultural máis grande que o noso acento

TACTO
Estou decatándome agora, mentres escribo este texto, dunha das principais diferencias entre a Pobra do Caramiñal e Madrid: a existencia desa capa de ultradereita que estaba por todas partes, zunando ao redor de ti, plasmada en nostalxia franquista, en tipos escuros con folletos de ideólogos aos que sempre se lles chamaba polo apelido. Eles movíanse polo seu mundo, non o teu. O meu era un territorio hospitalario de emigrados que prosperaran un chisco, que posuían casas familiares xélidas, como a de Antonio Alcántara, nas súas vilas castelás de orixe, nese lugar indeterminado ao que chamaban el pueblo. A min resultábame inconcibible denigrar á miña vila de orixe referíndome a ela por un nome común. Os que tiñamos orixes galegas nunca falabamos de el pueblo, senón da Pobra, de Sada, de Lalín. Era esa, agora o sei, unha diferencia cultural máis grande que o noso acento. Pero ao redor dese mundo de acollida no que era doado integrarse, rondaba o folclore da ultradereita, os libros de Blas Piñar, un territorio semiclandestino, que supuñas máis abundante do que en realidade era. Aos galegos todo aquel universo de símbolos, autores, vestimentas, eranos alleo.

OLFACTO
O meu amigo Víctor comezara a saír cunha rapaza moi guapa: era baixiña, de ollos grandes, levaba saias plisadas como de colexio de monxas, filla moi tardía dun coronel retirado. Víctor era de Hita, das Juventudes Socialistas, fumaba Lucky Strike, gozaba esaxerando o fachismo do pai da moza, atraído como unha couza polo lume. Un día a rapaza convidounos a unha festa na súa casa, un piso avellentado de portas moi altas con cristal velado. O pai fora africanista. Había fotos da Marcha Verde, souvenirs saharauis, cetmes disecados. O militar apareceu pola porta ao principio da festa para saudar e advertir. Deunos a man con forza, vaia fato de rapaces, e estudounos como fan os policías. «Gallego, eh?», lembro que me dixo. Intuín que, se cadra por ter traballado para un durante décadas, non se fiaba demasiado. Logo pechouse coa muller nunha saliña cutre de mesa camilla e estufa de gas, mentres ela tricotaba e nós bebiamos ponche na sala dos recordos. Entendín ese día unha certa diferencia entre a dereita e a ultradereita. O coronel pertencía á primeira. A dereita das pensións miserables do Exército.

VERBA
Estamos nun momento no que o corpo pide primeiros literarios, en parte porque xa nos custan un tanto os segundos; as novidades devórannos, o tempo libre desaparece sen saber como. Os segundos déixanse para os momentos especiais: ese día no que se queda cos amigos para ir comer un cocido, o domingo á mediodía. Teño a sensación de que hai que ser moi bo cociñeiro ou escritor para preparar un notable segundo prato. Hai que asumir a paciencia de cociñalo, o investimento de tempo para o escaso retorno, a indiferencia de que un segundo de domingo se entenda como triste prato de menú do día de martes. Na cociña, como na literatura, todo o mundo quere ser querido (ou mercado). Mellor un alegre primeiro que todo o mundo está disposto a admitir.

Liberdade nos primeiros
Comentarios