El tiempo
martes. 29.11.2022
El tiempo

O medo invisible

A linguaxe máis efectiva para comunicarnos entre especies segue a ser a empatía
undefined
EP
"CANDO VIÑA algún novato que non era da zona e descoñecía as tradicións, faciámoslle crer que tiñamos que ir de noite cazar biosbardos. Iamos a un monte ás escuras e diciámoslle que había que dar golpes nas xestas para buscalos. Nós tamén o faciamos e desapareciamos. E ao novato entráballe o pánico". 

Avó de Alba en Galiciaencantada.com

52. Roberto guíanos por un vello camiño que comunicaba Pola de Somiedo con Gúa. A poucos metros por riba pasa a concorrida estrada que leva ao porto de Somiedo. Os mellores lugares para atopar a traza da vida salvaxe sempre están preto da vida humana. Desde o primeiro momento, Roberto evítanos dulcificar o que imos ver, o cal me sorprende para ben. "A principal mortaldade de osiños procede de osos machos adultos. Matan os cachorros para anular a resistencia das nais e aparearse con elas", explícanos. Amósanos un antigo poste da luz. Nel, riscadas coa elegancia estética de emblema de guerrilla de resistencia, vense ben claras as gadoupas do animal, e a metro oitenta de altura, as trazas dunha trabada. Coma outros mamíferos, o oso marca o espazo de xeito obsesivo. Coa presión humana actual, o hábito convértese case nunha afirmación de resiliencia política. Frota a súa xiba no poste da luz e continúa, erguendo pedras á busca de vermes e abaneando aveleiras, escravizado pola necesidade de inxerir 17.000 calorías diarias. Todo isto sucede moi preto das casas.

Cando chegamos hai un par de días á Pola de Somiedo, ao serán, atopámonos cunha escena ben singular. Na praza do lugar, unha multitude relaxábase na terraza de Casa Miño con cervexas e refrescos, mentres observaba con binoculares a ladeira escarpada que cae á vila. Seica apareceu unha osa, de pelo branquiño, por aqueles altos. Preguntamos aos próximos se eles, en concreto, a viron. Todos o negan sen deixar de mirar para a ladeira e de pedir outras cañas. Pero están excitados como se se atoparan cos plantígrados de fronte. "Os osos son coma os biosbardos", aventura Sole con lucidez escéptica.

"Unha recente campaña que complementaba a ‘Asturias, Paraíso Natural’ baseábase no concepto de ‘gardiáns do paraíso’. Quen serán estes gardiáns? Como arqueólogos podemos afirmar que deberan ser as xentes antigas que viviron na zona, ou se cadra granxeiros, pescadores ou pastores contemporáneos. Porén, son sobre todo turistas con roupa deportiva que disfrutan das vistas". 
David González Álvarez, ‘Rethinking tourism narratives on the cultural landscapes of Asturias’, 2018.

53. Nese camiño a Gúa cruzámonos con varios veciños que suben este bonito camiño rural con bastóns na man, nun apacible paseo de tarde. Pero chámame a atención que veñen de volta ao pouco tempo, como se viraran cando a corredoira se atopa coa nova pista asfaltada. Sospeito que o paseo non ten tanto que ver coa fronteira de piche como con que ao seu carón hai unha área baleira, acoutada por un valado de madeira, e cun cartel non vandalizado. En novembro de 1937 cando menos 25 veciños republicanos de Somiedo foron conducidos alí atados con arame de espinos, obrigados a cavar a súa tumba e foron fusilados. Hai quen fala de ata cincuenta ou sesenta mortos alí. Roberto pasa de longo sen mirar o lugar, e os outros participantes non se fixan nese cartel amarelo: todos estamos empeñados en atopar o rastro do oso. Investigo sobre isto ao chegar a casa e atópome unha declaración interesante. Ao visitar a foxa común, sinalizada e delimitada polo concello, o forense Francisco Etxeberria, un dos grandes líderes do movemento de exhumación de foxas comúns da Guerra civil, sinalaba que nese caso a dignificación do espazo facía posible considerar que a foxa non precisaba ser escavada. O lugar estaba "protexido" e, xa que logo, non corría risco de destrución, en gran medida grazas a facelo visible cunha modesta actuación. Chamoume a atención a paradoxa da desprotección destas tumbas humanas no interior dun dos espazos legalmente máis protexidos do Estado, que é o Parque Natural de Somiedo. Na declaración de Etxeberria tamén había implícita outra reflexión: a exhumación é tamén un acto violento que só pode ser asumido en última instancia. Nas que eu teño presenciado, así o é. Doloroso e violento -e ás veces preciso-.

O trauma dixo: "Non escribas estes poemas. Ninguén quere escoitarte chorar pola dor que levas nos teus osos". 
Andrea Gibson

54. Falamos da osiña branca que gabea polos montes diante da Pola para lecer do tardeo somedano. Seica refuga os machos, vive soa e sen cachorros. Roberto cóntanos unha historia de terror. Cando era unha cría, apareceu un oso que comezou a acosala. Bateu nela, ela escapaba morta de medo. Perseguiuna. Ela refuxiouse nun penedo. O oso foi tras dela, mallou nela, ela esvarou para atrás, caeu quince metros. Fuxía sangrando. O oso non a soltaba. A osa era aínda demasiado pequena para poder ter relacións, pero iso non impedía ao oso tentalo continuamente durante dous días. "Cremos que iso pasa con certa frecuencia", sinalou Roberto, "e hai osas que refugan para sempre o contacto cos machos". Calquera que trate un pouco con mamíferos sabe ben que o estrés postraumático tamén se atopa nos animais. Na casa atópome o caso da osa Ina, ceibada dun circo e que xira compulsivamente, no medio do bosque-santuario onde a ceibaron, sobre un reducido círculo que reproduce exactamente as dimensións da gaiola na que estivo presa vinte anos. Hai varios días, seica a osa branca volveu aparecer na ladeira. "De súpeto vimos como se lle achegaba un dron a poucos metros", cóntanos Roberto, "era un tipo que o despegara desde o recinto feiral. Non se daba conta do problema que pode provocar só pola teima da fotiño". Eu, que son piloto de drones, sentín un arrepío. Sei ben do nerviosos que se poñen os animais cando aproximamos un dron. "A osa pode fuxir do seu espazo para sempre", comenta Roberto. Como os osos ven fatal, é posible que a osa non vira o cacharro, só o sentira, sen percibilo visualmente. Un corpo sentindo unha ameaza fabricada de instinto. Un territorio abandonado polo medo

Dispoñemos os prismáticos en Gúa. Unha osa con dous cachorros non tarda en aparecer, desde unha mata de avelairas. Os telescopios achégannos ao animal. Son os primeiros osos que vexo en estado salvaxe e sinto unha emoción xubilosa e empática. Os cachorros levantan canta pedra hai. Son magníficos, áxiles, fermosos e adorablemente torpes. A nai non quita ollo do contorno, nalgún momento móvese moi nerviosa, pero non é por nós. "Pasa algo", especula Roberto, e todos nos poñemos a peitear cos prismáticos ese inmenso escenario montañoso na procura do primeiro capítulo dun futuro drama. "Podería ser un macho que queira matar os cachorros", aventura. Nin nós nin a osa parecemos localizar o perigo, pero tanto ela coma nós compartimos agora algo, malia a distancia: o medo. Ela sénteo e nós sentímolo con ela. Nese momento entendo as causas da miña empatía con esa mangallona parda: os medos máis grandes dos mamíferos sempre son invisibles.

O medo invisible
Comentarios