El tiempo
martes. 04.10.2022
El tiempo

Os páramos

Miramos ás historias e ás paisaxes coa mesma desconfianza que ás persoas.
Empire State Building

"CONTO A historia sen historia, sen dirección, a súa paz na guerra. O que non importa. A guerra dos argumentos transcorre lonxe". 
 Enrique Andrés Ruiz, ‘Los montes antiguos’ (Periférica, 2021).

31. As noites destes meses incertos son prolongacións recorrentes de días duros. As camas deberan ser pequenos paraísos aillados do mundo, como celas monacais. Ás veces doume unha ducha simplemente por facelo, antes de me deitar, como se me quixera quitar as angustias, as tensións, as dificultades, e ir limpo para o lugar no que deixas de ser consciente durante un tempo. Que alivio deixar de ser consciente. Prendemos no móbil unha lista de Spotify chamada Jazz Noir, que ten de icona a silueta do Empire State Building. O jazz é para a noite máis pecha porque non parece ter dirección, porque se estende como o fume dunha vela; vai nunha dirección pero ás veces xoga a dar voltas. Hai libros na miña mesiña que non quero abrir, porque son demasiado bos e lelos en mal momento é un destrago. É o caso de Hamnet, de Magie O’Farrell. Quero continuar léndoo como un símbolo de vida restituída. Pero hai outros que funcionan coma un mandala. Son libros que serenan porque están escritos coma o jazz. Hai un tema, un fraseo, unha idea, e logo esa música vaga polo mundo. Iso pasa exactamente en Los montes antiguos, do poeta Enrique Andrés Ruiz. Podería ser unha destas novelas de reencontro dun urbanita co rural que agora descubre a literatura española, e que a literatura galega leva reescribindo desde os 80, pero é outra cousa. É unha cadencia, un ritmo, unha destreza verbal do castelán antigo. Un home que se enfronta coa ruína familiar. Chega un momento que o argumento esvaece, e o que fica é a música das palabras, a lomba seca dun campo soriano. Non, non podería ler Hamnet agora, pero un laico coma min pode atopar a serenidade da noite na lectura cadenciosa, monótona, e coidada de Enrique Andrés e adormecer máis ou menos sereno.

"Logo o suceder caprichoso dos tempos uniríanos a uns e enemistaríanos con outros que antano foron irmáns. Uns e outros culparían a Castela (só a Castela) dos males do centralismo e do imperialismo, cando se cadra Castela foi e é a máis prexudicada".
David Ortega en Twitter.

32. Hai moitos anos, unha amiga marchou a Madrid nunha caravana de autobuses galegos a manifestarse por algo que xa non lembro. Cando deberon entrar en Tierra de Campos, como é habitual, o persoal comezou a maldicir o que vía polos ollos: o páramo, a soidade, a nada, as vilas de barro. Quen pode vivir neste lugar? A miña amiga non se lle ocorreu outra cousa que dicir: «Pois a min paréceme fermoso». Nunca tal dixera. Aqueles sindicalistas puxéronse coma basiliscos. Pero eu entendina. Sempre tiven un gran respecto por Castela como idea. E eu tamén entendín a fermosura que hai nesa terra, especialmente nas provincias que se atopan coas montañas do Norte. Vexo estampas fermosas en Castela: raios de luz infinitos, lumes prendidos por séculos, cazadores mimetizados con galgos, unha exótica fronteira construída por tramos. Só un cego podería crer que Castela saíu ben parada, co tempo, do proxecto no que se meteu. Son perdedores, se os queremos considerar así, coma nós, se nós queremos considerarnos perdedores. Pero eu non creo nesas lóxicas binarias. Porén, é abraiante como aínda existe en moita xente esa interpretación de Castela que eu diría que é, sobre todo, de Castelao. Castelao fixo algo moi galego, que é buscar un inimigo fácil de identificar e aborrecer pero inofensivo. Mesmo preferentemente morto, por se acaso. Por volta dos anos 20 ou 30, Castela, como tal, xa era un poder esvaéndose. O drama posterior revelou que o inimigo real era moito máis ominoso e capilarizado, aínda que empregara esa Castela ruinosa como emblema. Por certo, busquen a David Ortega en Twitter. E gocen de Castela. Son demasiados quilómetros para atravesalos rosmando sen parar.

"Que desprezas? Por iso es verdadeiramente coñecido".
Frank Herbert en Dune.

33. Unha das cousas que me máis me fascinan ultimamente é bater con aquelas grandes narrativas —da literatura, da banda deseñada— que durante toda a túa vida eludiches, malia estaren diante dos ollos e seres consciente da súa existencia. Pasoume iso con Dune. Tiven mil oportunidades de ler as novelas, de ver o filme de 1984. Pero sempre o mirei de esguello. Creo que o problema era precisamente o nome: Dune. Miro para arquitecturas do imaxinario como Dune e pregúntome por que non entrei a elas. Hoxe estou convencido de que se Dune se tivera chamado Forest tería entrado nese mundo na adolescencia. Non estaba demasiado interesado no deserto e no que o deserto me tivera que contar. O outro día, pola contra, vin a excelente versión de Denis Villeneuve de 2021. Descubrín esa ciencia ficción que en realidade era un relato medieval á americana, se cadra a máis medieval das historias que teño lido en tempo. E gocei como non había tempo. O deserto levoume ao seu mundo e sacoume do meu estresante presente. Un páramo solitario, unha terra seca e sen árbores botárame para atrás. Pero nela atopei o sosego.

Os páramos
Comentarios