viernes. 23.04.2021 |
El tiempo
viernes. 23.04.2021
El tiempo

Pasar saudar

Se me quedo cun ritual do pasado, é co de parar a botar un parrafeo circunstancial alí onde podo dar e recibir afectos.
Táboa

SEMPRE QUE viña polo Consello da Cultura a algunha xuntanza de traballo, o profesor Xosé Ramón Barreiro —daquela presidente da RAG— metíase na nosa oficina e pasaba para saudar. Botaba un parrafeo e, cando aínda se podía fumar, acompañabámolo dun cigarro rubio. Decátome estes días, ao saber da súa morte, e non podo menos que pensar nese costume tan sinxelo como perdido, o de facer paradas no teu itinerario cotiá pola vila. Como para moitos historiadores de Contemporánea, a segunda casa ideal de Barreiro sería unha redacción xornalística. A ler xornais antigos e a coleccionalos dedicou tamén moito do seu tempo, e tiñamos falado moito sobre eles e mesmo colaborado en máis dunha discreta operación de rescate para o patrimonio público. Barreiro paraba no despacho coma quen o fai na barbería, no zapateiro, xunto ao cura ou pola libraría. Eramos un remanso no medio da súa axenda, un territorio de antigos alumnos no que era querido. Teríalle servido un chato de viño se tivesemos un barril de Ribeiro na redacción. Beberiámolo de contado, para volver á tarefa, sen ser moi conscientes da grandeza dos pequenos encontros.

GUSTO
Se unha frase define a Galicia contemporánea é a que pronunciou o deputado Manuel Iglesias Corral para definir o affaire Barreiro —o outro, tamén profesor meu, Xosé Luís—, cando o presidente Fernández Albor viviu a deserción do seu goberno ao completo en novembro de 1986: «Aquí pasou o que pasou». Creo que a podemos aplicar para definir con precisión todo o que desde entón vén pasando no país e, arríscome a especular, tamén a poderemos usar con seguridade a todo o que lle suceda no futuro. Outro episodio non menos borroso dese acontecemento foi o Pacto da Biblia. Días antes da dimisión colectiva, o vicepresidente Barreiro convocou a moitos dos conselleiros a unha cea na súa casa. En teoría o ágape rematou con todos asinando nunha Biblia o compromiso colectivo da dimisión, sen dúbida animados polo contexto enogastronómico. Pero Lito García Lago, no seu Pasou o que pasou. Doce estampas dos oitenta (Morgante, 2021) revela que as versións que dan os participantes sobre o sucedido son moi diverxentes. Poderiamos ver esa cea barreirista como unha desas experiencias iniciáticas dos mozos guerreiros na prehistoria. Debíanse perder no bosque en solitario e cada un deles volvía a casa cunha visión distinta. O Gran Espírito fálalle a cada quen por separado de acordo coas súas biografías e medos. Se cadra aqueles conselleiros viviron unha experiencia iniciática no piso de Barreiro. Si estamos certos que a experiencia marcou parte da súas vidas futuras. Os clásicos nunca están errados.

OLFACTO
O libro de Lito García Lago explora os turbulentos inicios da autonomía, unha etapa decisiva que, por algún motivo, esperta aínda nos galegos a mesma sensación de aprensión que o inquedante val definido por Masahiro Mori a principios dos 70. O xaponés explicaba así a sensación de repulsión que nos provocan os robots cando se aproximan á forma humana. Dan grima porque se parecen a nós, pero non son nós. Pásanos o mesmo cos primeiros 80: aseméllanse demasiado a nós mesmos como para que agraden. García Lago fai un meritorio traballo para organizar voluminosas hemerotecas, diarios de sesións e memorias orais nun relato coherente, contado desde unha óptica da esquerda nogueirista. Engadiría, aínda que aborrezo ese adxectivo tan abusado na crítica, un traballo necesario. Pero bótolle en falta o sabor da época. Se cadra se no canto de estampas se chamara capítulos, ou mesmo episodios, o libro sería entendido noutra clave. Pero as estampas piden anécdotas, luces de neón —e houbo moitas na época—, máis intriga de reservado e unha presenza colorista daquela sociedade sen a que non se pode entender o vodevil político. A anécdota dos 80 sempre ten a propiedade de ser reveladora, como a frase de Iglesias Corral. Pero teño a sensación de que non será posible preservar con facilidade os olores e sabores dese tempo. Fique, cando menos, un relato repousado.

Lúa vermella (2020) de Lois Patiño, non acompaña: obríganos a participar. Lúa vermella (2020) de Lois Patiño, non acompaña: obríganos a participar.

OÍDO
Podería escoitar Harlem River de Kevin Morby en bucle, se escoitar un tema musical en bucle non fose un hábito ao que o home adulto xa non ten dereito. A nós permítesenos, como moito, repetir o mesmo tema unha vez ao día, e mellor que o fagas en solitario para que ninguén sospeite de que a pandemia tamén comezou a facer efecto na túa saúde mental. Pero a guitarra rítmica de Morby, que secuencia o paso dun río nocturno sureño, alucinado e pegañento, non me calma tanto como me acompaña. E a música ten moitas funcións, pero a que sempre me resultou máis importante é a de vir ao noso carón e recoñecer nela o que non sabemos expresar con palabras. Non quero que me calmen, quero que vaian comigo na miña turbulencia.

VISTA
Lúa vermella (2020) de Lois Patiño, non acompaña: obríganos a participar. O filme narra un conto mitolóxico baseado na cultura da morte. Non é un filme mainstream, desde logo, pero non é difícil ficar embaucado, como as súas personaxes. A composición dos dioramas —tampouco estampas— que integran a película obríganos a dialogar coa nosa propia idea e imaxe de Galicia. Acostumados como estamos a que o país sexa un monocultivo de imaxes en función da década que toque (nos 80 os hórreos e os cruceiros, nos 90 os mosteiros, nos 2010, a praia das Catedrais e os cantís oceánicos), a película de Lois Patiño fórzanos a ser conscientes das múltiples olladas que pode ter o país. A potencia do cine de proximidade é que non permite a indiferencia. As xeracións máis veteranas teñen esa aprensión de inquedante val a retratar (e amosar) esas aldeas arruinadas, o cemento  e a uralita, o monte degradado e o abandono. Ese rural galego saído dunha película postapocalíptica é un comprensible tabú. Pero a quinta do Lois Patiño (1983) ten unha ollada distinta e obríganos, como lles fan aos sospeitosos nos interrogatorios das pelis, a contemplarmos a imaxe do asasinado. Velaí está a fractura, se existe, xeneracional.

LEGADO
Os alumnos de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela tivemos o privilexio de comezar en primeiro a carreira con figuras do epicentro político dun mundo en certo xeito aínda en formación. Beiras, Xosé Ramón Barreiro ou Xosé Luís Barreiro, por citar algúns nomes. Visto en perspectiva, nin teño moi claro se deixaron un legado na miña xeración, ou se hoxe en día habería un panteón equivalente, ou mesmo se debería habelo. Gustaríame preguntarllo a Barreiro, se aínda se animara a pasar unha última vez a saudar por esta porta.

Pasar saudar
Comentarios