jueves. 16.07.2020 |
El tiempo
jueves. 16.07.2020
El tiempo

Paisaxes alteradas

A relación artística de Christian Villamide coa paisaxe é unha das máis intensas e interesantes da plástica galega. Unha transformación da contorna que nos leva a reflexionar sobre o seu papel no noso tempo, sen perder o fío dunha longa tradición creativa entre arte e paisaxe
PARTERRES II de Christian Villamide
PARTERRES II de Christian Villamide

LEVA ARTELLANDO Christian Villamide (Lugo, 1966) unha das traxectorias artísticas máis interesantes da nosa plástica actual. Ao tempo que constrúe a súa obra, persoal e reflexiva, constrúese tamén unha nova identidade da nosa paisaxe. O tratamento elástico desa paisaxe e a súa abondosa capacidade para empregar diferentes materiais, así como as interpretacións que acada desa contorna, enchen a súa obra de posibilidades conceptuais, pero tamén de sorprendentes achados cara o espectador.


A súa obra pode contemplarse ata o 12 de xaneiro no Centro Galego de Arte Contemporánea. Está no Espazo de Proxectos que, ao igual que se pode entender como unha aposta pola creación, pode levar consigo un terrible desafío para o creador que non entenda ben un lugar tan complexo como o que nos leva na entrada do Centro cara a libraría e a zona dos servizos. Unha zona de escaleiras e dúas zonas en diferentes alturas ás que hai que enfrontarse co necesario rigor para que funcione, para captar a atención do espectador nun espazo que se podería entender como residual, aínda que falando da arquitectura de Álvaro Siza nada sexa anecdótico. Así as cousas, Villamide sae ben parado do reto, as súas pezas colonizan o espazo dun xeito harmonioso nese In landscape mode, tal e como se chama esta mostra baixo o comisariado de Paula Cabaleiro.


A paisaxe, polo tanto, flúe polas paredes complexas dese lugar, o que nos leva tamén a ter que movernos por un percorrido sinuoso, a sentir que nos atopamos nunha especie de paisaxe diferente ao que pode ser unha mostra nun espazo máis habitual para unha sala de exposicións.
A natureza de Christian Villamide ponse boca abaixo, tamén dun xeito físico, o que permite a nosa propia reflexión ou autocrítica sobre ata que punto estámola poñendo nós nesa situación de tensión, dun desequilibrio esmagador coa súa propia condición. «Especulación, contaminación, explotación ou dominación» son as palabras dende as que a comisaria propón a Christian Villamide ese desapego do ser humano coa paisaxe, e que abofé é o punto de ignición da obra deste creador desenvolto a través de diferentes series de obras nas que a paisaxe reúnese co ser humano, pero tamén coa cultura como rexistro dunha supervivencia que afasta ao home desa condición de depredador, aínda que só sexa durante uns instantes.


Propón o artista, polo tanto, unha zona planificación da paisaxe, un territorio dende a arquitectura que se ve colonizado por unha serie de obras chantadas contra a parede como o derradeiro reduto para a súa mantenza. Alí atopamos a última pegada antes da súa desaparición, o dramático acto final antes do esquecemento.


E aí é onde xorde a nosa paisaxe humanizada, a que lle dá levedade ás nosas cidades como se precisásemos ter entre o formigón e o ferro un anaco de natureza, toda unha ironía do noso propio desfacer en tantos hábitats xa aniquilados en gran medida. Son polo tanto as nosas sociedades unhas novas xeografías do físico, un novo paisaxe cheo de desequilibrios, frustracións e desacougos que como pouco é quen de reflectir Christian Villamide.


Nunca está de máis facer da paisaxe un tema. Se sempre foi dende o principio dos tempos unha das grandes inspiracións de calquera artista, continuar a pensar en cal é a nosa relación con el hoxe en día é un chanzo máis na nosa propia explicación como sociedade. Podemos empregar o título da súa anterior exposición no pasado verán no Centro de Arte Caja Burgos, PERturbacións para xestionar mellor a idea que se agocha detrás desta proxección paisaxística, a dunha alteración nos nosos ecosistemas dende unha brutal intervención que, coa sensibilidade actual, téntase revertir, pero á que seguramente xa cheguemos demasiado tarde, ao tempo dunha arte, como a de Christian Villamide, que exerce de notaria dunha realidade que amosa o noso desapego, tanto emocional como intelectual, co que debería ser unha das nosas máis afoutas dedicacións: o de conservar o noso mundo, a nosa casa feita paisaxe.

Paisaxes alteradas