Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Sen piedade cun mesmo

O novo libro de Pedro Feijoo, Sen Piedade, agocha trala súa fermosa capa a historia de dous mozos nunha fuxida a bordo dun excéntrico automóbil. Unha faciana de road movie que a pouco que un esburaca nela atopa un libro cheo de intimidade e reflexións sobre a propia natureza do autor

Sen piedade cun mesmo

E stamos afeitos a brincar coa literatura de Pedro Feijoo. A deixarnos levar polas súas historias, sempre entretidas e ben armadas, para coñecernos máis a nós mesmos. Ao colectivo, á memoria, a aquilo que nos conformou ao longo do tempo. Por iso, cando subimos ao coche no que Gordo e Teo foxen —penso que de si mesmos— o que atopamos non é tanto un xogo como unha proposta moi valente de Pedro Feijoo, que emprega o seu último libro para —sen piedade algunha— enfrontarse a moitas das pantasmas que xurdiron ao longo da súa vida.

Esa nova perspectiva da súa obra é a que nos leva a atoparnos cun libro con moitos riscos, pero, como adoita acontecer cando un bo escritor se propón mirar cara ao seu interior, o libro medra de xeito expoñencial en relación a outros anteriores porque se afunde na experiencia vital, no real como cerna dunha narración que pode presentar algunha situación imaxinativa, pero que prende como faísca na fogueira en que ás veces se converte a nosa vida.

Todo comeza en Sen piedade (edicións Xerais) coa fuxida de dous amigos a bordo dun coche un tanto esperpéntico por diferentes escenarios que teñen unha grande importancia no desenvolvemento do relato. Todo ten a faciana dunha historia de xénero negro na que os —a priori— protagonistas se mergullan en ambientes perigosos. Pero con cada páxina a narración muda e o que semellaba unha cousa remata por ser outra, ou outras, xa que neste libro conflúen varias temáticas. E refírome como protagonistas a priori porque un se dá de conta tamén de como o autor lles concede o protagonismo non aos dous mozos, senón a esoutras personaxes —neste caso, femininas— que son as que provocan todos e cada un dos seus movementos. Elas non están, pero son. A súa presenza, a través das conversas dos dous mozos, é clara. A través delas caemos na conta de que o que nos quere contar Pedro Feijoo é unha historia de amor, pero, lonxe de enchela de doce, está chea do que é realmente o amor, de bos e malos momentos, de sorrisos pero tamén de feridas que un ten que levar, como se pode, durante o resto da súa vida.

Temos, polo tanto, a dinámica do amor, pero tamén a da amizade e os diferentes vectores que nela conflúen. A diversión, a necesidade, a confianza, a desconfianza, a traizón ou a perda. Marca da casa é a facilidade da lectura, o facer da escrita unha ferramenta para atrapar lectores e engadilos a un sistema literario que non está sobrado deles. O propio Pedro Feijoo sempre se quita importancia neste aspecto, afastándose das elevadas pretensións que moitos autores queren adoptar sen darse de conta de que a Icaro se lle queimaron as ás por voar preto do sol. Equivócase Pedro Feijoo cando se resta valor e esta novela é boa mostra diso, xa que a súa estrutura, e tal e como está escrita, non é máis que a confirmación do seu bo manexo do literario sen que se lle teñan que poñer complicacións aos lectores. O traballo co ritmo da narración —que na éxtase da noite compostelá aumenta a súa velocidade ata o desenlace final dun xeito maxistral—, pero tamén a estructura, os diálogos, a construción e evolución dos personaxes ou a linguaxe, son ferramentas que suman nunha novela que, pegada á vida como está, non pode deixar de lado aspectos esenciais da nosa problemática social como a violencia contra a muller. Vítima dunha sociedade que non acaba por avergoñarse das súas actitudes e comportamentos e que neste relato asoma como unha necesidade do autor por relatar esa traxedia do noso tempo.

Este libro é un libro de necesidades, sobre todo a do autor por poñerse ante o espello, iso que nos custa tanto, para recoñecerse a si mesmo dende o paso do tempo. Ese recoñecemento do vivido é o que sustenta este relato que semella algo que non é, pero que si se erixe como o mellor texto do Pedro Feijoo novelista e no que atopamos máis de quen fai da literatura un fío de encontro entre as persoas.

Comentarios