A CBS paga 9,5 millóns de dólares a unha actriz despedida tras denunciar un caso de acoso

Eliza Dushku afirmou sufrir unha serie de comentarios "incómodos" por parte da estrela da serie, Michael Weatherly

Eliza Dushku. EP
photo_camera Eliza Dushku. EP

A cadea de televisión  CBS pagará 9,5 millóns de dólares á actriz estadounidense  Eliza  Dushku, que denunciara ser obxecto de acoso cando participaba na serie "Bull", informou o diario  The New York Times.

Dushku, coñecida polo seu papel na serie " Buffy, a  cazavampiros", asinara un contrato para traballar en tres episodios da serie "Bull", coa opción de converterse nunha das actrices habituais.

Segundo conta o xornal, a actriz denunciou ser despedida por reprochar ao actor estrela da serie, Michael  Weatherly, por comentarios "incómodos".

Segundo relata o diario, diante do equipo da serie "Bull",  Weatherly fixo a  Dushku un comentario sobre a súa aparencia, outro sobre un trío e unha broma dunha violación.

A actriz, de 37 anos, denunciou que tras enfrontarse ao actor polas súas palabras fora expulsada da serie e consideraba que o seu despedimento fora en represalia pola súa actitude.

O New York Times asegurou que tras a mediación da canle, a compañía aceptou un acordo confidencial polo cal lle pagará 9,5 millóns de dólares, aproximadamente o equivalente ao que gañase actuando catro tempadas na serie televisiva.

Pola súa banda,  CBS confirmou que se alcanzou un acordo e prometeu mellorar as condicións de traballo.

"As acusacións de  Dushku son un exemplo de que, aínda que seguimos comprometidos cunha cultura definida por un lugar de traballo seguro, inclusivo e respectuoso, a nosa meta está aínda lonxe de ser lograda", dixo a cadea nun comunicado.

Comentarios