Imprimir

Trump suspende as viaxes desde Europa a EE UU 30 días polo coronavirus

Efe | 12 de marzo de 2020

Trump, durante a súa intervención televisada deste mércores. EFE
Trump, durante a súa intervención televisada deste mércores. EFE
O veto aplicarase desde a medianoite do venres

O presidente estadounidense, Donald Trump, anunciou este mércores a suspensión de todas as viaxes desde os países de Europa a Estados Unidos, coa excepción do Reino Unido, para previr a propagación do coronavirus. A suspensión entra en efecto na medianoite deste venres e durará polo menos 30 días, segundo detallou Trump nunha mensaxe televisada á nación desde o despacho oval.

"Decidín tomar varias medidas, fortes pero necesarias, para protexer a saúde e o benestar de todos os estadounidenses. Para evitar que novos casos ingresen ás nosas fronteiras, suspenderemos todas as viaxes desde Europa a Estados Unidos", dixo Trump.

O mandatario estadounidense explicou que a prohibición anunciada busca pechar a entrada a calquera "cousa" que veña de Europa, incluídas as mercancías e o comercio. "Estas restricións iranse axustando segundo as condicións sobre o terreo", afirmou o presidente, ao explicar que se farán excepcións para os estadounidenses que queiran regresar de Europa e se sometan a rigorosas análises de detección do virus.

Prevese facer excepcións para os estadounidenses que queiran regresar de Europa

Trump cualificou o covid-19 de "virus estranxeiro" e culpou os países europeos de parte da súa propagación en Estados Unidos. "A Unión Europea non tomou as mesmas precaucións [que EE UU] e non restrinxiu as viaxes desde China e outros focos (do virus). Como consecuencia, unha gran cantidade de novos casos en EE UU foron provocados por viaxeiros vindos de Europa", dixo.

O presidente estadounidense tamén anunciou durante a súa alocución que polo descenso de novos casos en China e Corea do Sur o seu Goberno "reavaliará" as restricións de viaxe impostas a eses países. "Estamos nun momento crítico na loita contra o virus. Demos un paso que salvou vidas cunha acción anticipada en China, agora debemos tomar a mesma acción con Europa", afirmou Trump.

Estados Unidos suma máis de 1.200 casos de coronavirus e polo menos 36 falecidos. 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/Cronica/trump-suspende-viajes-ue-ee-uu-30-dias-coronavirus/20200312023144075000.html


© 2020 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)