Maduro considera unha "insolencia" o ultimato europeo

A UE deulle oito días para convocar eleccións en Venezuela

Nicolás Maduro. PRENSA MIRAFLORES
photo_camera Nicolás Maduro. PRENSA MIRAFLORES

O presidente de Venezuela, Nicolás Maduro, rexeitou este domingo con vehemencia o ultimato de oito días para convocar eleccións no seu país efectuado por varios membros da Unión Europea (UE), entre eles España, e considerouno "unha insolencia".

"Ninguén pode darnos un ultimato deste tipo. Se alguén quere abandonar o país, pódeo facer. Venezuela non está ligada a Europa. Estes é unha insolencia total", dixo Maduro nunha entrevista concedida en Caracas á cadea CNNTürk e traducida ao turco.

Ao seu xuízo, "unha vez máis Europa está a cometer un erro acerca de Venezuela. Consideran a nosa historia como non existente, a pesar de douscentos anos de independencia".

"Menosprezarnos porque estamos no sur é insolente", sinalou Maduro, quen se enfronta desde o pasado mércores á autoproclamación como presidente interino do país do xefe da Asemblea Nacional venezolana, de maioría opositora, Juan Guaidó.

En todo caso, mostrouse aberto ao diálogo co dirixente opositor. "Imos establecer a paz e imos seguir condenando estes eventos, como fixemos no Consello de Seguridade (da Onu o sábado). Todas estas mentiras son obra de Estados Unidos. Eu estou aberto ao diálogo", indicou Maduro, segundo a tradución turca da entrevista.

Os gobernos de España, Alemaña, Francia e Reino Unido instaron o sábado a Maduro a convocar eleccións transparentes e xustas nun prazo de oito días ou, pola contra recoñecerán a Guaidó como presidente interino.

Mentres, Estados Unidos, Canadá e numerosos países suramericanos, como Colombia, Brasil e Arxentina, recoñeceron xa a Guaidó como líder interino do país caribeño, que vive desde hai anos unha profunda crise política e económica.

Como reacción, Maduro anunciou esta semana a ruptura das relacións diplomáticas con Estados Unidos, o principal importador de petróleo venezolano.

O conxunto da UE, pola súa banda, deixou aberta a posibilidade de recoñecer a Guaidó como presidente e subiu o ton contra Maduro, ao que esixe que convoque eleccións "nos próximos días", pero sen marcar un límite temporal concreto.

Xunto a Rusia, China e Irán, Turquía e o seu líder conservador islamita Recep Tayyip Erdogan é un dos aliados políticos e económicos máis importantes de Maduro.

Comentarios