O Supremo rebaixa por dilacións a condena a tres mozos por unha violación en Valencia

Impón unha pena de 7 anos de cárcere a dous deles por un delito continuado de abusos sexuais e ao terceiro de 4 anos

Participantes na manifestación contra a sentenza de La Manada en Santiago. CRISTINA MOSTEIRO

O Supremo condenou a penas de ata 7 anos de cárcere a tres mozos que en 2012, cando tiñan entre 19 e 24 anos, violaron repetidamente a unha moza na localidade valenciana de Riba-vermella aproveitando o seu estado "de aturdimiento" provocado por unha sustancia que lle foi introducida" na bebida. O alto tribunal rebaixou nun ano as penas impostas a todos os acusados pola Audiencia Provincial de Valencia ao contemplar a circunstancia atenuante de dilacións indebidas no proceso, que se iniciou en 2012 e durou ata 2018.

Desta forma, a Sala condena a dous deles a 7 anos de cárcere por un delito continuado de abusos sexuais e ao terceiro a 4 anos por abusos sexuais. Tamén lles impón 5 anos de liberdade vixiada, a prohibición de achegarse á vítima a menos de 200 metros coa obrigación de asistir a programas de educación sexual e unha indemnización de 10.000 euros.

Sendo conscientes do "estado de aturdimiento e desorientación" da vítima, violárona repetidamente

Os feitos ocorreron a noite do 2 ao 3 xuño 2012 na discoteca Oasis, onde un dos mozos coincidiu coa vítima, coa que mantivera anos antes unha "relación amigable". Nun momento determinado, di a sentenza, "foille introducida na bebida" da vítima unha sustancia (sen especificar quen o fixo) "que lle fixo perder o sentido da realidade", circunstancia que aproveitaron os tres condenados, que a trasladaron ao domicilio de dous deles.

Alí, sendo conscientes do "estado de aturdimiento e desorientación" da vítima, violárona repetidamente e incluso despois de que un deles se fose, outro volveu abusar sexualmente dela "aproveitando que a mesma deambulaba pola casa buscando as súas pertenzas e o seu teléfono móbil".

No domicilio atopábase un cuarto novo do que non se probou a súa participación nos feitos.

Comentarios