Un hacker detido en Budapest era unha das fontes de Football Leaks

O avogado indicou que o seu defendido cumpre todos os requisitos para que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos o considere un difusor de segredos de interese público

Un hacker. EP
photo_camera Un hacker. EP

O mozo hacker luso Rui Pinto, detido a semana pasada en Budapest e acusado de extorsionar a empresas e clubs de fútbol, é unha das persoas que filtrou documentos á plataforma Football Leaks, confirma o seu avogado no último número do semanario alemán "Der Spiegel", publicado este venres.

O letrado William Bourdon, que defende tamén a Edward Snowden, explicou que Pinto é o pirata informático que operaba co pseudónimo "John" e fíxose cuns 70 millóns de documentos, algúns dos cales foron a orixe de causas xudiciais por evasión de impostos.

Bourdon recoñeceu que Pinto, de 30 anos, tratou de extorsionar en 2015 á axencia para futbolistas Doyen Sports, esixindo diñeiro para non publicar uns documentos comprometedores, pero tachou a cuestión de pelexa "de nenos" e explicou que o detido acabou renunciando ao diñeiro e recoñecendo os feitos.

O avogado indicou que o seu defendido cumpre todos os requisitos para que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos o considere un difusor de segredos de interese público (whistle-blower), pois grazas ás revelacións de Football Leaks "as arcas públicas de moitos Estados europeos incorporaron "moitos millóns de euros".

Se Hungría extradita a Pinto, advertiu Bourdon, córrese o "risco" de que "moitos fiscais e inspectores de Facenda europeos perdan a posibilidade de examinar todos os documentos e empregar a Pinto como testemuña".

Agregou que o arrestado en Budapest "non é o único filtrador" de Football Leaks, unha plataforma que ten "máis fontes".

Pinto foi detido o 16 de xaneiro pola policía húngara en cumprimento dunha orde de detención e extradición de Portugal, que acusa ao mozo de realizar ataques cibernéticos para obter información sensible coa que extorsionar a empresas, entre elas importantes clubs do fútbol portugués como Sporting, Porto e Benfica.

O director da Unidade de Combate do Cibercrime da Policía Judiciaria portuguesa, Carlos Cabreiro, explicou que algúns dos delitos que se lle imputan -como extorsión, acceso ilegal a información, violación de segredo e prácticas perniciosas para o Estado- levan penas de ata dez anos de cárcere 

Comentarios