Foz réndese ao berberecho

Uns 4.000 quilos de berberechos, elaborados con cinco receitas diferentes, serán servidos na sexta festa de exaltación deste bivalvo, que se celebra na localidade lucense de Foz o vindeiro sábado -17 de xaneiro-. Medio cento de establecementos do municipio colaboran con esta celebración, na que tamén participa a Escola de Hostalería.

Tres das cinco receitas que se servirán serán elaboradas, precisamente, polos propios alumnos da Escola de Hostalería de Foz, mentres que as outras dúas serán cociñadas polos empregados dunha empresa contratada polo Concello.

Marisco para uns 5.000 comensais
Está previsto que asistan á VI Festa do Berberecho de Foz unhas 5.000 persoas, segundo cálculos do alcalde, José María García Rivera.

A festa comezará ás doce do mediodía, coa lectura do pregón, que este ano corre a cargo do xornalista José Alonso. Ademais da degustación, durante todo o día actuarán no recinto cinco charangas. Ademais, aquelas persoas que queiran pasar o fin de semana completo en Foz, para coñecer a localidade, poden facer uso dun paquete turístico, que oscila entre 60 e 150 euros, con pensión completa en casas de turismo rural ou hoteis, ademais de dúas visitas guiadas: polo río Ouro e a basílica de San Martiño.

Durante a presentación desta festa, o alcalde recordou que chegaron a venderse 40.000 quilos de berberechos ao día procedentes da ría de Foz. A contaminación das augas acabou cunha parte desa riqueza.

Comentarios