42 adegas na II Edición da Cata de Anadas de Rías Baixas

O Consello Regulador da DO Rías Baixas celebrará o vindeiro xoves 11 de decembro, a II Edición da Cata das Anadas de Rías Baixas, no Pazo de Mugartegui de Pontevedra a partir das 10 da mañá. Nesta edición participarán 78 mostras, pertencentes a 42 adegas, co obxectivo de mostrar as posibilidades dos viños elaborados baixo o amparo de Rías Baixas.

Esta actividade está orientada aos viños brancos de anadas anteriores a 2007, en calquera dos tipos amparados polo Regulamento do Consello Regulador, cun máximo de tres mostras por adega, pertencente cada unha delas a anadas diferentes.

As mencións aos viños destacados dividiranse en tres categorías: Colleita de Ouro concederase aos viños que obteñan na cata unha puntuación inferior a 35 puntos; Colleita de Prata outorgarase a aqueles viños que obteñan unha puntuación entre 35 e 40 puntos e Colleita de Bronce os que teñan unha puntuación superior a 40 puntos e inferior ou igual a 45 puntos.

Como novidade este ano, as 15 primeiras adegas, cuxos viños obteñan as mellores puntuacións, participarán na cata temática sobre a DO Rías Baixas e baixo o título 'Rías Baixas, lonxevidade xuvenil',organizarán o ICEX e a UEC durante a VII Edición do Cume Internacional de Gastronomía Madridfusión09.

O panel de cata estará formado por catadores do Consello Regulador e por un grupo de oito profesionais de recoñecido prestixio no mundo do viño. O xurado do concurso de cata estará presidido por un membro da Consellería do Medio Rural, e autorizado por un notario.

Comentarios