50 marcas compiten na XII Cata dos Queixos de Galicia

Doce expertos catadores analizan a partir deste mércores as 50 mostras de queixos galegos amparadas baixo as catro denominacións de orixe protexidas que se presentan á XII Cata dos Queixos de Galicia. O concurso celébrase no C.I.F.P. Compostela, en Santiago. Comezará coa fase de selección dos 40 queixos das D.O. Tetilla e Arzúa-Ulloa. Seis mostras de cada denominación pasan á fase final para loitar polas Distincións de Ouro, Prata e Bronce.

A Consellería de Medio Rural organiza o evento co obxectivo de promocionar e valorizar o sector queixeiro galego, por unha banda. Por outro lado, prteténdese tamén lembrarlles aos consumidores a calidade dos queixos de Galicia, baixo o amparo das catro Denominacións de Orixe Protexidas existentes.

Normas do concurso

O concurso réxese polo sistema de cata a cegas, o que permite o anonimato das marcas en todo momento. Os catadores farán primeiro un exame visual e pasarán logo á fase olfacto-gustativa para decidir que mostras de Arzúa-Ulloa e Tetilla compiten na fase final do xoves coas D.O.P. de San Simón da Costa e Cebreiro.

Os resultados que premian aos gañadores coas correspondentes distincións permanecerán custodiados polo Secretario do Xurado de Cata ata o día da entrega de premios. O acto terá lugar no Parador de Vilalba o venres, 11 de decembro, no transcurso dunha comida celebrada na localidade lucense.

Comentarios