50 toneladas de 'condumio' galego

Detalle del pabellón de Galicia en Expozaragoza (Foto: AGN)
photo_camera Detalle del pabellón de Galicia en Expozaragoza (Foto: AGN)

O restaurante de Galicia na Expo de Zaragoza, que onte pechaba as súas portas logo de tres meses de promoción, despachou máis de 50 toneladas de produtos gastronómicos do país.

En total, no espazo de restauración de Galicia consumíronse máis de 17.700 quilos de polbo, 15.150 quilos de mexillóns, 26.400 racións de empanada, 3.535 quilos de pementos de Padrón, 1.500 quilos de queixo, máis de 2.000 quilos de lacón prensado, preto de 5.000 quilos de pan de Cea, 1.800 quilos de marrón glacé e 526 quilos de torta de Santiago. En total, 47.211 quilos de produtos, aos que hai que sumar as 26.400 racións de empanada. é dicir, en números redondos, unhas 50 toneladas.

O restaurante do pavillón galego, montado polo Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG), dependente da Consellería de Innovación e Industria, optou por produtos de calidade e denominacións de orixe galegas. Ao mesmo tempo, articulou un menú sinxelo, fácil de preparar e cunha rápida transición desde a cociña ao cliente. Foi un dos máis concorridos de todas as comunidades.

Fast good
O CSHG utilizou o modelo de traballo dun restaurante 'fast food', coa particularidade de que se empregaron produtos de calidade. É o que se coñece como ‘fast good', é dicir, comida ‘rápida', pero de calidade.

Con este sistema, ofreceu a diario 500 menús, polo que se superaron os 45.000 menús durante os tres meses de duración da Expo. En cifras, unha media de 400 racións de polbo, outras tantas de mexillóns e pan, 200 de salpicón e 150 de lacón, entre outras preparacións.

Máis de 950.000 visitantes
O Pavillón de Galicia superou os 950.000 visitantes e foi un dos recintos máis visitados dos 140 stands montados nesta Expo da auga, colocándose entre os dez máis concorridos durante varias xornadas.

A comunidade galega tivo representación en Expozaragoza cun pavillón de 350 metros cadrados. A caseta articulouse ao redor dunha gran pantalla de auga de 13 por 7 metros que mostraba 3.155 mostras do líquido elemento procedentes de todos os concellos do país. A pantalla completábase cunha atmosfera tipo 'chill out' que buscaba a transmisión de sensacións e relax, as melodías dun aquofono (aparello que produce música a través de pingas de auga) e cinco paneis luminosos cos principais recursos turísticos galegos.

Comentarios