Abastos 2.0, unha excelente referencia

Diego Pazos y Marcos Cerqueiro (Abastos 2.0), el martes en Santiago (Foto: PEPE FERRÍN)
photo_camera Diego Pazos y Marcos Cerqueiro (Abastos 2.0), el martes en Santiago (Foto: PEPE FERRÍN)

A praza de abastos de Santiago é, segundo din, o segundo lugar máis visitado da cidade do Apóstolo tras a catedral. Non é ningunha xoia arquitectónica aínda que teña certa personalidade. O que si ten é un bo mercado de produtos de proximidade da horta e o mar, unha renovación estética e hixiénica profunda e unha boa animación. Fáltalle, ao meu modesto entender, un control e unha información engadida para o consumidor en certos produtos: o posto que vende froita debe indicar e garantir a procedencia, por citar un exemplo. Ten que verse a diferenza de produtos entre compra nunha gran superficie e a compra na praza de abastos. A de Santiago ten practicamente todo o percorrido feito.

Unha novidade importante nesta renovación foi o bar-restaurante-tapeo Abastos, aberto ao exterior da praza pero metido no propio edificio. Foi un éxito rápido pola calidade e a innovación. Tivo e ten proxección fóra de Galicia e conta cun público fiel.

Os local Abastos 2.0 está enfronte desta primeira iniciativa de restauración na praza de abastos. Atópase do outro lado desta rúa empedrada que leva ata a Praza de San Agustín e a igrexa das xesuítas. Abastos 2.0 conta cunha decoración con personalidade, material de austeridade acorde aos tempos, con concesións a un vello almacén e chiscadelas a esta sociedade da información como a carta nunha pantalla e detalles sobre os pratos e os viños. Destaca unha iluminación perfecta para unha calorosa noite de verán..

A carta quixen entender que se crea exclusivamente en base a produto galego, cun día semanal, polo menos en agosto, dedicado pola noite a unha hamburguesa con carne galega. O menú degustación é un percorrido polo mar, a horta e a mellor tradición da cociña galega. Ningún parecido, por suposto, entre un destes pratos 2.0 e a presentación tradicional. Pero aí están o sabores orixinarios, que é o que importa. Hai innovación pero se respecta ou traballa en base a sabores de produtos que se identifican facilmente.

Do servizo pódese dicir que bo, atento e cordial. Un local deste tipo pide unha certa complicidade entre o cliente e a casa. A noite que pasamos por alí estaba plenamente cheo, dun público que se diría integrado nas novas tecnoloxías e afastado das formalidades do traxe e a gravata.

É importante esta exitosa experiencia para trasladar na recuperación que se expoña doutras prazas de abasto en Galicia. Pode apoiar a imaxe de calidade da propia praza de abastos, como contribuír esta a esa mesma imaxe para o restaurante.

En Lugo agora mesmo hai unha experiencia de oferta de comida na praza. Non é aínda por espazo, oferta e concepción de horarios Abastos 2.0 nin os primeiro Abastos compostelán. Pero si que pode ser un alicerce importante na recuperación da praza de abastos se esta ademais opta con determinación pola produción da súa propia contorna, o control e a calidade. Os usuarios encomiarémolo.

Comentarios