Abre en Santiago a primeira tenda exclusiva de viños de Galicia

Un dos alicerces económicos de Galicia é o mercado do viño, tan só superado polo téxtil. Ano a ano cobra maior importancia, tanto pola variedade como o gran nivel dos seus caldos. Ademais, a gran competitividade das adegas, a crítica internacional e incluso o clima, auguran un gran futuro para o sector.

Motivado polo auxe do mercado do viño, créase a web Vino Gallego, que pretende ser tanto unha ferramenta de divulgación como un punto de encontro de amantes e afeccionados aos viños e a Galicia.

Pero, lonxe de quedar no mundo virtual, Vino Gallego decide agora abrir as portas da súa primeira tenda física en Santiago de Compostela, concretamente na rúa de Xeneral Pardiñas en Santiago de Compostela.

Vino Gallego é unha tenda de viños, exclusivamente galegos, de máxima calidade e con Denominación de Orixe, pero tamén é club Vino Gallego, no que por unha alcanzable cota mensual pódese gozar dos mellores viños de Galicia a domicilio e ao mellor prezo.

Na rede
A súa plataforma dixital, Vinogallego.com, conseguiu alzarse como o portal máis visto sobre viños e Galicia. Nela figura información actualizada a diario, tanto de noticias do sector do viño e a gastronomía, como datos e cursos sobre viño. Ademais, conta cun directorio con centos de viños e adegas, as súas fichas técnicas e opinións de usuarios.

Outra das posibilidades de vinogallego.com é a de adquirir viños enviados desde tenda ou directamente desde a adega sen ningún tipo de intermediarios.

Os números de vinogallego.com, aínda que lonxe doutros grandes portais, son cando menos prometedores. En tan só dous anos de vida, a web conseguiu unha media mensual de 200.000 visitas, recibe pedidos de viño desde todos os puntos de España (e incluso Europa) cunha media de 20 caixas de viño ao mes e un catálogo de máis de 200 referencias das cinco Denominacións de Orixe de Galicia.

Ademais, na tenda online tamén se poden atopar outro tipo de produtos moi relacionados cos viños, como queixos, chourizos, lacón, bagazo e licores galegos.

Comentarios