Abren oito expedientes por venda de alcol a menores tras 150 inspeccións

A Policía autonómica identificou 85 persoas e abriu oito actas de infracción durante os controis efectuados o pasado fin de semana

Un total de oito expedientes foron abertos a semana pasada a locais de lecer por vender alcol a menores, como parte dunha operación da Policía autonómica, que levou a cabo unhas 150 inspeccións en zonas de lecer, locais e centros comerciais, informou este luns a Xunta.

Nun comunicado, indica que os axentes abriron "oito actas de infracción, todas elas por venda de alcol", durante os controis efectuados do 7 ao 13 de agosto en trece municipios galegos nos que identificaron a 85 persoas.

Engade que houbo tamén vinte dispositivos de control de menores en risco de desamparo, en situacións como "absentismo escolar e consumo de alcol, tabaco e drogas" nos municipios da Coruña, A Pobra de Brollón, Ames, Barreiros, Cambados, Lalín, Lugo, Marín, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Sanxenxo e Verín.

A Xunta sinala que tras a entrada en vigor en 2010 dunha lei de prevención contra o consumo de bebidas alcohólicas por parte de menores de idade, a Policía Autonómica leva a cabo medidas de control e inspección regulares.

Comentarios