Adriá anuncia que El Bulli será unha fundación privada en 2014

O cociñeiro catalán Ferrán Adriá anunciou este luns en Santiago de Compostela que, a partir de 2014, o seu restaurante El Bulli será ''unha fundación de carácter privado e sen ánimo de lucro''. Adriá fixo este anuncio este luns no Fórum Gastronómico 2010 'As cociñas do Atlántico', que se celebra en Santiago, co fin de precisar as informacións publicadas nas últimas semanas ao redor dos seus proxectos.

A Fundación El Bulli será ''a de todos os amantes da gastronomía de vangarda: cociñeiros, catadores, profesionais de sala, gastrónomos, creativos pensadores ou simplemente apaixonados polo noso soño'', di unha información facilitada pola organización do Foro Gastronómico que cita fontes do restaurante de Cala Montjoi (Xirona).

Segundo a mesma información, a fundación será ''un viveiro de novas ideas e de novos talentos para ir xuntos e da man máis lonxe aínda''. Anualmente, outorgará entre 20 e 25 bolsas a cociñeiros e persoal de sala que traballarán co equipo creativo da propia Fundación El Bulli.

Interrelación
A fundación ''non será unha escola'' e o procedemento de selección dos seus bolseiros ''será moi esixente e rigoroso''. Engadiu que nela se traballará de forma sinérxica con outras disciplinas como o deseño, a arte, a comunicación creativa. Perseguimos 'feedback', interrelación e proxección máis aló do mundo da gastronomía'', sinala a información proporcionada polo Bulli.

As creacións gastronómicas froito dos traballos realizados polo equipo de cociña da fundación, poderán ser degustadas cada ano a partir de 2014 durante un tempo determinado e por un certo número de comensais, segundo precisa a información facilitada polo Bulli.

Comentarios