Cata de augardentes e licores para a Asociación Galega de Catadores

Corenta e cinco destilados amparados polo Consello Regulador das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia protagonizan mañá unha cata da Asociación Galega de Catadores, cuxo resultado se incluirá na guía de Viños, Augardentes e Adegas de Galicia (Ed. Xerais). Esta cata terá lugar no Instituto de Formación Profesional Compostela en Lamas de Abade.

Dez profesionais do sector, integrados por directores técnicos de Consellos Reguladores, catadores, distribuidores e xornalistas especializados, realizarán unha cata cega de 22 augardentes, 12 licores de herbas e outros tantos licores café. As puntuacións serán absolutas sobre 100 puntos e a cata comezará coas augardentes e seguiranlle os licores.

O resultado desta cata darase a coñecer en setembro, mentres que a guía publicarase no mes de decembro.

O proceso prolongarase, en principio, ao longo de dúas horas. Desde as 10.30 da mañá ata as 12.30.

Comentarios