Autóctono e selecto

José Álvarez, uno de los promotores de la iniciativa (Foto: JOSÉ ÁNGEL DÍAZ)
photo_camera José Álvarez, uno de los promotores de la iniciativa (Foto: JOSÉ ÁNGEL DÍAZ)

«Queremos levantar a ovella galega, ten un valor e hai que defendelo», di Armando García Reigosa, da SAT Torre de Arcos de Outeiro de Rei. Esa explotación encargarase de prover ao restaurante Río Lea de Castro de Ribeiras de Lea da materia prima de primeira calidade para que as primeiras Xornadas do Cordeiro Galego Ecolóxico que se celebran na provincia sexan un éxito na mesa e entre o público asistente.

O local de hostalería que rexenta José Álvarez asumiu este reto e desde este 3 de maio e ata o próximo día 26 ofrecerá aos seus clientes un selecto menú co cordeiro autóctono como protagonista absoluto.

Canelóns de cordeiro como entrante, cordeiro asado troceado con patacas asadas e unha selección de sobremesas caseiras variadas compoñen a proposta que se poderá degustar ao prezo de 20 euros, regada por outro produto da terra, un viño Valcar da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.

José Álvarez explica que a preparación é sinxela, o cordeiro ten que estar 24 horas en adobo de allo, perexil e aceite e logo introdúcese no forno con auga. Cando xa está medio dourado, régase con viño branco e coñac.

ESFORZO E UNIÓN

A posta en marcha desta iniciativa gastronómica responde a un esforzo a tres bandas. Por un lado está o do provedor, Armando García, que acaba de participar nunha sesión de degustación deste produto en Foz. A súa explotación leva 30 anos dedicada á conservación dunha raza autóctona, a ovella galega, da que ten uns 160 exemplares. Para a ocasión seleccionáronse cordeiros lechones, de dous a tres meses de idade..

Doutra banda colabora o restaurante de Castro de Ribeiras de Lea, disposto a innovar na súa oferta gastronómica e animado tras o éxito que tiveron as primeiras xornadas que organizou, dedicadas á raza de Mos..

O terceiro pé desta iniciativa é José Zapata, da explotación Chousa do Lea de Castro, promotor de varias xornadas gastronómicas en distintas localidades -na Pastoriza, Castro, Castroverde ou Santa Corda, onde repetirá na segunda quincena deste mes- ao redor doutra raza autóctona, a galiña de Mos.

Esta nova proposta nace da unión de tres amigos que se apoian mutuamente á hora de deseñar estas xornadas gastronómicas, encamiñadas a potenciar e enxalzar as diferentes razas autóctonas galegas.

Comentarios