Autoridades e multitude de visitantes participan na inauguración da festa do Albariño

A LVII edición da Festa do Albariño de Cambados quedou inaugurada esta mañá. Un ano máis, o Paseo da Calzada encheuse de curiosos e visitantes que querían ser os primeiros en probar os afamados viños de Rías Baixas. Non faltaron tampouco as autoridades que nesta cincuenta e sete edición quixeron participar da apertura da festa, entre elas atopábanse o presidente Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores; a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, Alejandra Álvarez de Mon Rego; o presidente do D.O. Rías Baixas, José Ramón Meiriño; e o alcalde de Cambados, Luís Aragunde, entre outros. Posteriormente, tamén se sumou á cita o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela.

A partir deste momento, os visitantes poderán degustar  nas casetas, situadas no Paseo da Calzada, unha ampla oferta de viños de Rías Baixas, pois 43 adegas estarán presentes nas corenta casetas do Consello Regulador.  Como novidade, nesta edición un grupo de profesionais americanos, cinco xornalistas e un catador, acode a Cambados para participar nos diferentes aspectos da Festa do Albariño: o lúdico a través do Capítulo Serenísimo; o técnico, composto pola cata-concurso, e o promocional que lle permitirá degustar un amplo abanico de marcas de Rías Baixas nas casetas  do Paseo da Calzada. Esta actividade enmárcase dentro da Campaña USA que este Consello Regulador realiza, por quinto ano consecutivo, en Estados Unidos, o seu principal mercado internacional, coa colaboración de ICEX e IGAPE.

Cata-concurso

A XXI Edición Cata - Concurso ''Rías Baixas-Albariño'' contará coa participación de máis 63 marcas. Neste momento, o equipo técnico do Consello Regulador traballa na recollida de mostras. Só tres marcas alcanzarán un dos prestixiosos premios que as situará entre as mellores Rías Baixas-Albariño de 2008, que se darán a coñecer durante a comida oficial do Capítulo Serenísimo que terá lugar o domingo, 2 de agosto.

Esta Cata Concurso, organizada con Consello Regulador do D.O. Rías Baixas, contará cun panel de cata integrado por 20 expertos, pertencentes ao panel de cata interno deste Consello, e a un externo, realizado para a ocasión. Entre os catadores externos atópanse Bartolomeu Sánchez, director do grupo Opus Wine; Carlos Maribona, colaborador de gastronomía do xornal ABC, Cristino Álvarez, xornalista en Axénciaa Efe; Pancho Casal, único máster do viño en España, catador; David Barco, presidente da Asociación de Catadoras de Galicia, Pedro Mocholí, crítico gastronómico do xornal As Provincias en Valencia, e Lorenzo Díaz, copresentador do programa Herrera na Onda entre outros.

A Cata-Concurso ''Rías Baixas-Albariño'' celebrarase durante o sábado e domingo, 1 e 2 de agosto, no salón de actos do Parador de Cambados. O primeiro día terá lugar cátaa Selección, na que o panel de vinte catadores dividirase en dous para puntuar aos 63 viños participantes. Os doce que obteñan a mellor puntuación pasarán á Cata Derradeira, que será ao día seguinte, e da que sairán os tres viños premiados.

Comentarios