Brancos Galegos

INTERIOR_viñas.jpg
photo_camera INTERIOR_viñas.jpg

En Galicia temos a fortuna de atoparnos cunhas magníficas variedades autóctonas, cunha asombrosa capacidade aromática diferencial, que se converteron en moda, un fenómeno e un descubrimento no mundo universal e globalizado dos viños. Están a exportarse e triunfando nos máis esixentes concursos e catas, e acreditándose como viños que ben merece a pena pagar algo máis por eles.

Ao estilo sajón, comentaremos máis por variedades, clases de uvas, que por Denominacións de Orixe, cartesiana clasificación europea, baseada na Tradición e o Terroir.

Monovarietais
Comezando co ALBARIÑO, variedade case exclusiva e privilexiada nas Rías Baixas, aínda que testimonialmente presente noutras D.O. galegas, e que ten uns aromas de pexego e albaricoque diferenciais, polo seu terpeno Linalol. O seu recendo e bouquet non atafega nin empacha, máis ben amante e educado compañeiro de mesa de mariscos crus como as ostras, peixes lixeiros e cando é moi seco acompaña gentilmente  ao Marrón Glace das marquesas e duquesas.

Seguiriamos polos GODELLOS, presentes nas D.O. Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei, que, recollidos cunha adecuada acidez, producen uns glicéridos e amantes viños, moi redondos e pecualiares, de longo post gusto e recordo, que os fan amados e buscados por difíciles e escasos.

Acompañariámonos despois pola TREIXADURA, que en Portugal se fai Treijadura, tamén glicérido, que cando está ben tratada polos aprendices de feiticeiros que somos os enólogos, aflora cuns longos e prolongados retrogustos, marabillosos e inconmensurables. Pouco e caro hai deste tipo de uvas no mundo, así como do Torrontés, unha clase con recordos de agradables améndoas amargas, que levamos os galegos á Arxentina, para conseguir alí os seus mellores viños brancos.

Outras variedades minoritarias, que non menores, serían o LOUREIRO, aromático en ambas as ribeiras do Minho; o LADO, escaso e rebuscado no Ribeiro de Arnoia, a MOZA FRESCA do Barco, DOA BRANCA de Monterrei, etc., etc., que ben valen o sacrificio de beber algunhas mal conseguidas experiencias, pola alegría do encontro cunha boa botella.

E a maior parte das veces, estas variedades son o compoñente de viños PLURIVARIETAIS, como a mestura con Cainho, e a LOUREIRO/A, nas Rías Baixas, a TREIXADURA/TORRONTÉS/LADO no Ribeiro, exactos, amplos e xenerosos acompañantes de mariscos cocidos como centolla, percebes, lagostinos, camaróns, santiaguiños, lagosta, etc., e os peixes máis firmes, como o rodaballo ou a caballa (verdel).

Esta é a variada constelación dos nosos galaicos viños, crípticos e complicados de entender como os habitantes desta excéntrica zona europea. Se che aproximas a eles e tes a paciencia necesaria para catar e arriscar, ben valerá a pena o sacrificio, xa que chegarás a clasificalos entre o mellor e máis respectable do panorama vinícola mundial. Coñecelos é chegar a amalos.

José Pousada
Irmandade dous Vinhos Galegos
FIJEV writer, Ourense
(www.sursumcorda.net)

Comentarios