Boa cociña nun ambiente familiar

Hostal San Lázaro
Josefa Arias Vila e Begoña Barja Veiga, do Hostal San Lázaro

O RESTAURANTE do Hostal San Lázaro conta cunha coidada carta, á que se suma un variado menú do día, así como unha ampla oferta de racións, tapas, bocadillos na súa cafetería. Ofrece opcións para todos os gustos. Unha das novidades que presenta o establecemento, desde que asumiu a súa xerencia Begoña Barja Veiga, en outubro do ano pasado, é a súa grella, instalada á entrada do comedor. Nela prepáranse todo tipo de carnes de tenreira galega, cuns impresionantes chuletóns como principal referencia. Non faltan tampouco as chuletillas de cordeiro e o churrasco, con chourizo criollo ou do país, son outras propostas. A gran sorpresa é a pularda de Mos á brasa, que ten unha gran aceptación e prepárase por encargo.

Entre os peixes, o bacallau á portuguesa está á altura do feito no país de orixe. Así o certifican uns clientes lusos, que ao principio eran reticentes a probalo, pero logo de facelo repetiron noutras ocasións ao considerar que se fai como en Portugal. Os lombos do bacallau son espléndidos e o rustrido de cebola está moi logrado. Tamén merece nota a brocheta de rape, que vai acompañada dunha sala mariñeira. A pescada á cazola é outro prato con gran demanda.

Á hora de escoller entrantes son aconsellables os gambóns á alladao. Aínda que en case todos os sitios utilízanse gambas, o gambón é máis adecuado para esta preparación. Ten un mellor sabor final e, ao ser máis grande, non se tosta tanto no aceite como a gamba. O revolto de alliños con gulas e gambas é outra suxestión interesante. Os pementos adoitan ser de Mougán ou de Padrón, segundo a época. Tamén hai que ter en conta un detalle pouco coñecido: Tanto a xerente do negocio como un camareiro son experimentados cortadores de xamón.

Entre as sobremesas caseiras atópanse o flan, as natillas, a torta de queixo e café e un saboroso moussé de limón.

Outro dos puntos fortes deste restaurante é o menú do día, que inclúe unha opción de culler, catro entrantes fríos e unha pasta entre os primeiros, e tres carnes e un peixe para elixir o segundo. Todo ao módico prezo de nove euros, con sobremesa e café incluídos.

A carta de viños inclúe caldos das distintas denominacións de orixe, incluída a de Monterrei, a uns prezos axustados.

Máis aló de ser un local frecuentado polos afeccionados do CD Lugo os días de partido no Anxo Carro ou polos visitantes do próximo Pazo de Feiras e Congresos, o Hostal San Lázaro destaca polo seu ambiente familiar. É un dos poucos negocios que pensa especificamente nos máis pequenos. No propio local do comedor, pero separado deste por unha cristaleira, hai unha área de xogo infantil. Este detalle convérteo nun sitio apropiado para a celebración de comuñóns e bautizos. Tamén conta cun comedor privado.

GUÍA PRÁCTICA

Como chegar

O hostal San Lázaro inaugurouse en 2002. Está no quilómetro 501 da N-VI, a poucos metros do Pazo de Feiras e Exposicións e do estadio Angel Carro.

O teléfono para efectuar reservas é o (982) 220.252

Que máis facer

O restaurante ten unha área de xogos para nenos, separado por unha ventá do comedor.

Saber máis:
www.hostalsanlazaro.comlu.com

Comentarios