Cabreiroá, primeira auga mineral galega co selo de Seguridade Alimentaria

INTERIOR_CABREIROA_1.JPG
photo_camera INTERIOR_CABREIROA_1.JPG

Cabreiroá é a primeira empresa galega de auga mineral que dispón da Certificación ISO 22000 en Seguridade Alimentaria, concedida pola Asociación Española de Normalización e Certificación (Aenor). Este recoñecemento constata o esforzo feito pola compañía ao longo da súa traxectoria por superar estritos estándares de calidade e control en todos os seus produtos.

A nova certificación sitúa a Cabreiroá como pioneira dentro do sector da auga mineral en Galicia en termos de seguridade alimentaria e vén sumarse a outras coas que xa conta a empresa, entre elas, a ISO 9001 en Calidade (obtida en 1999), a ISO 14001 no medio Ambiente (obtida en 2001) e a OSHAS 18001 en Seguridade e Saúde Laboral (de 2005).

Deste xeito, a compañía informou de que completa as principais certificacións relacionadas co sector, sendo a primeira empresa galega de auga mineral en conseguilas, o que a sitúa tamén á cabeza do sector no conxunto do Estado.

Novos mercados
Ao longo destes últimos anos, Cabreiroá fixo unha importante aposta pola modernización e a expansión, que se viu reflectida non só no carácter vangardista dos seus envases, senón tamén nos elevados investimentos da planta industrial, para incrementar a súa capacidade produtiva.

A iso hai que unir a presenza da firma comercial en novos mercados, situándose na actualidade en todo o territorio nacional e en 15 países do todo o mundo.

Facturación
A compañía pechou o pasado ano cunha produción de máis de cincuenta millóns de litros de auga mineral das súas tres marcas, Cabreiroá sen gas, con gas e Cabreiroá Única. A facturación nese período foi de 12 millóns de euros.

Comentarios