Unha exposición-degustación para reivindicar a orixe da 'Galiña de Mos'

O municipio lucense de Castro de Rei reivindicará cunha exposición-degustación a orixe da 'Galiña de Mos' neste termo municipal e dará a coñecer as excelencias desta ave que, no seu día, serviu de patrón xenético da produción do afamado capón de Vilalba.

Todos os rexistros históricos sitúan a orixe desta galiña na parroquia de San Xulián de Mos (Castro de Rei), onde o próximo 16 de xaneiro se procederá á exaltación desta raza autóctona, segundo informaron fontes da organización.

No evento colaboran o concello de Castro de Rei, a Asociación de Avicultores desta raza (Avimós) e os veciños desta parroquia situada en plena comarca da Terra Chá.

''Está probado que esta raza 'Galiña de Mos' foi orixinaria da comarca da Terra Chá, e que, concretamente, colléronse exemplares para a súa recuperación desta parroquia (Mos) do concello de Castro de Rei'', aclárase nun comunicado do ente local.

Recuperación da raza
A raza estivo en perigo de extinción e aínda a día de hoxe estase traballando na súa recuperación, aínda que xa existe un censo en Avimós de 460 explotacións en Galicia que dispoñen de galiñas de Mos con algo máis de 6.000 reprodutoras, tal e como explicou o presidente da Asociación, Francisco Mosteiro.

Mosteiro dixo que se trata dunha variedade ''moi valorada'' pola súa dureza, capacidade de adaptación a condicións extremas e pola ''gran calidade'' das súas carnes baixas en graxa. O evento celebrarase nas inmediacións da igrexa parroquial de San Xulián de Mos, onde se instalarán dúas carpas: Unha para poder ver os exemplares e outra para proceder á súa degustación.

Comentarios