Catro feridos, entre eles dous menores, en varios accidentes de tráfico en Santiago de Compostela

Un condutor tivo que ser liberado polos bombeiros tras quedar atrapado no interior do seu vehículo

Un total de catro persoas, entre elas dous menores, resultaron feridas este xoves en varios accidentes de tráfico rexistrados en Santiago de Compostela.

Segundo informou o CIAE 112 Galicia, o primeiro deles tivo lugar ás 15.50 horas na N-634, á altura do polígono industrial da capital galega.

Alí, un condutor tivo que ser liberado polos bombeiros da cidade tras quedar atrapado no interior do seu vehículo logo de chocar contra un farol e envorcar.

Tras recibir o aviso, o CIAE 112 Galicia solicitou a colaboración dos axentes de Tráfico, da Policía Local e a dos efectivos de Protección Civil da localidade.

Os membros de Protección Civil indicaron ao persoal do CIAE que, debido ao impacto, un farol de iluminación pública caeu ao chan pero que os operarios do Concello xa se estaban encargando da súa reparación.

TRES FERIDOS. Por outra banda, tres persoas, dúas delas menores, resultaron feridas ao chocar dous vehículos ás 16.45 horas deste xoves no polígono da Sionlla.

Tras recibir a chamada dun particular, o CIAE 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Policía Local e de Protección Civil que confirmou a evacuación de tres feridos en ambulancia.

Comentarios