Cénit 2006

Zona: DO Terra do Viño de Zamora. Colleita: 2006. Maridaxe: Carrilla de porco ibérico con níscalos. Graos: 15% vol. Temperatura de consumo aconsellada: 16º

Sen facer demasiado ruído, pero con moito por contar, chegou a súa amizade. Camiñando pola rede topámonos de fronte e circunstancias laborais fixéronnos coincidir nunha cidade con mar e viños. Entre as súas mans porta miles de referencias, unha delas, o Cénit 2006. Chegando da recente Denominación de Orixe Terra dos Viños de Zamora, é o resultado da supervivencia dunhas cepas que resistiron a un arranque grazas a algúns que creron no potencial da zona.

Así chega Cénit 2006 aos nosos padais, elaborado con uva tempranillo de vellas cepas centenarias, plantadas en pé franco sobre terreos calcáreos, de gravas e areas que cobren unha arxila vermella. Descansa, logo da súa elaboración, 19 meses en barricas novas de carballo francés.

Cata
Presenta unha cor vermella picota de gran capa, con reflexos granates e boa bágoa. Nariz de intensidade alta, complexa, con aromas de froita negra madura, notas de froitos secos, especias e toques tostados sobre un fondo mineral. En boca mostra volume e é sedoso, con boa acidez.

Comentarios