Chantada celebra a feira do viño o próximo fin de semana

A feira do viño de Chantada, que se celebrará o próximo fin de semana, congregará este ano, polo menos a 18 adegas e ten previsto vender ata 20.000 botellas, segundo apuntaron fontes da asociación encargada de organizar o evento.

Os viticultores prevén que as vendas se sitúen entre as 16.000 e as 20.000 botellas, unha media de mil botellas por adega, cifras que tamén son similares ás alcanzadas nas edicións anteriores.

Os membros da asociación descartaron que o cambio de data do certame -normalmente celébrase o primeiro fin de semana de marzo, pero este ano atrasouse por mor dos comicios - poida prexudicar as vendas.

Medo pola escaseza de vendas
De reducirse a comercialización neses días sería máis por culpa da crise económica que da data de celebración, apuntaron desde a organización.

A feira do viño de Chantada cumpre este ano a súa edición número 27 e é a primeira que abre o calendario deste tipo de eventos na Ribeira Sacra.

O pregoeiro deste ano será o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e será Antón Bao, vicepresidente, o que se encargue da apertura da convocatoria.

Comentarios