'Chupinazo' para o Albariño de Cambados

Foto: C.R.D.O. Rías Baixas
photo_camera Foto: C.R.D.O. Rías Baixas

A LVI edición da Festa do Albariño de Cambados comeza hoxe mércores, 30 de xullo, e prolongarase ata o domingo, 3 de agosto. O acto de inauguración terá lugar á unha e media do mediodía no Paseo da Calzada de Cambados e, o responsable da mesma será o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, que estará acompañado do presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; do seu homólogo no Consello Regulador do D.O. Rías Baixas, José Ramón Meiriño; do delegado da Consellería de Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constela; e do alcalde de Cambados, José Manuel Cores Tourís, Desde ese momento, os visitantes poderán degustar os viños de Rías Baixas, representados no Paseo da Calzada en corenta e catro adegas que este ano participan na Festa do Albariño.

Un dos actos centrais da Festa do Albariño é a celebración do Capítulo Serenísimo do Albariño, que comezará cun percorrido desde o concello polas rúas de Cambados ata o patio de armas do Palacio de Fefiñanes. A comitiva estará integrada polas confrarías gastronómicas e vinícolas invitadas á festa, que acompañaron ás autoridades, xunto coa música da Banda de Gaitas e dos grupos folclóricos

Sobre as dúas da tarde terá lugar  a solemne investidura de Doas e Cabaleiros do Capítulo, así como a entrega de distincións e nomeamentos de Xóvenes Albariñenses, Albariñenses de Honra e Follas de Prata. 

Donas do Albariño
Nesta edición os distinguidos como Donas do Albariño serán: Beatriz Pini, xornalista galega de Telemadrid, e Rosa Oubiña, deputada autonómica  que conta cunha gran implicación na organización do Capítulo Serenísimo da Festa do Albariño durante a súa traxectoria como tenente alcalde de Cambados, como Cabaleiros do Albariño serán: Vicente Cebrián, director xeral da Adega Pazo de Barrantes do D.O. Rías Baixas e da Adega Marqués de Murrieta D.O.C Rioxa; Carlos Antonio Fernández, presidente da FEGAMP; José Antonio Ferreiro, director do consello empresarial da Organización Mundial de Turismo; e Guillermo Rodríguez, presidente de Condes de Albarei.

Este ano, segundo a organización, coas distincións de Follas de Prata tamén se quixo recoñecer a traxectoria de diferentes profesionais vinculados co sector vitivinícola do D.O. Rías Baixas como son Xaquín Álvarez, un dos precursores da viticultura de calidade na subzona do Rosal, pertencente ao D.O. Rías Baixas; Pablo Buján, director comercial de Martín Codax; Ignacio Landín, director comercial de Agro Bazán; Anselmo Rodríguez, director comercial das Laxas; a este grupo tamén se suman Dores García, alcaldesa de Vilagarcía, e Andrés Quintá, presidente de EXTRUGASA, empresa situada na comarca do Salnés. 

Os Albariñeses de Honra recaerán nesta ocasión en Marsha Palanci, que recollerá este recoñecemento como presidenta da empresa Cornerstone, que realiza a campaña de promoción dos viños de Rías Baixas en Estados Unidos, na que tamén participan ICEX e IGAPE; ademais recibirán este recoñecemento Lourdes Zuriaga, presentadora de Agroesfera, programa especializado en temas agrarios e rurais de TVE; e José Manuel Escorial, presidente da Confraría Gastronómica de Queixos da Mancha.

Xóvenes Albariñeses
Finalmente serán nomeados Xóvenes Albariñenses nesta edición: Alexia Luca de Tena, enóloga na Adega Agnusdei; Arturo Conde, de Adega de Abaixo, e Isaac Rodríguez, viticultor da subzona do Condado do D.O. Rías Baixas.

Tras os actos centrais da festa celebrarase o tradicional Xantar Oficial do Albariño durante o que se degustaron os viños Rías Baixa albariños que participaron na XX da Cata Concurso Rías Baixas Albariño, e da que sairán os tres premiados situaranse entre as mellores Rías Baixas-Albariño de 2007.

Na  XX Edición Cata - Concurso “Rías Baixas-Albariño” participarán 64 marcas, nunha colleita cualificada como Excelente. 

Para iso, o Consello Regulador do D.O. Rías Baixas contará cun panel de cata integrado por 20 expertos, pertencentes ao panel de cata interno deste Consello, e a un externo, organizado para a ocasión. 

Comentarios