Cociña sen fronteiras en Ordes

Daniel Alonso Martínez leva nove anos formado a futuros chefs e colabora con diversos restaurantes no que ademais da súa profesión é a súa vocación: a cociña. Con todo, o luns desta semana decidiu cambiar os grandes fogóns do centro de formación da Asociación de Empresarios de Hostalería de Compostela por unha cociña máis pequena, pero chea de moita ilusión.

A través dun proxecto coordinado pola ONG 'Ecos do Sur', Daniel Alonso tomou as rendas dun curso sobre cociña tradicional galega que contaría cuns alumnos moi especiais: inmigrantes e emigrantes galegos retornados. Na mañá do luns congregáronse na cociña da Casa da Cultura de Ordes (A Coruña) persoas provenientes de Bolivia, Cuba, Venezuela, Rumania e Portugal.

Pilar Muradás levaba toda a súa vida en Venezuela pero, hai vinte anos, a necesidade obrigouna a volver a Galicia. ''Custoume adaptarme'' narra Pilar o que para ela foi un duro cambio. Afeita visitar aos seus pais en Soutelo de Montes e volver a Venezuela, esta emigrante de pais galegos, afirma que foi moi difícil aceptar que aquela viaxe sería cun billete de ida, pero non de volta.

Os alumnos do chef Alonso son tremendamente inspiradores. Neste curso de cociña organizado polo Concello de Ordes e financiado pola Secretaría Xeral de Inmigración e o Ministerio de Traballo e Inmigración, todos os seus asistentes desexan coñecer a cociña de Galicia pola súa riqueza e porque ademais pode ser o seu medio de supervivencia no mundo laboral.

Esa é a esperanza de Orlando Pena Mulet. Chegou de Cuba en abril de 2008 logo de 62 anos de vida na illa caribeña. O cubano, que se declara amante da comida galega, pois ''alá só se come porco asado'' e ''arroz con frijoles'', decidiu hai un ano emigrar a Galicia, a terra natal da súa muller. Sabe que probablemente nunca volva a Cuba, pero Orlando Pena non se arrepinte. Para el, Galicia foi ''a luz da esperanza'' e agora só se lamenta do ''pesadelo que están a vivir os mozos que viven alá''.

Cociña intercultural
Emigrar e incluso volver ao país de orixe non é nada fácil. Nas benvidas non sempre se coloca unha alfombra vermella. ''Algúns esqueceron que unha vez tiveron que emigrar a América'', di Orlando, recordando que o primeiro que día que foi a ''pelarse'', a perruqueira soltoulle un ''váiase ao seu país''.

Para o chef Daniel Alonso, a multiculturalidade que pode haber neste curso é ''enriquecedora''. Na súa cociña trata de combinar o tradicional e o moderno. Afirma que non se pode '' facer o polbo á prancha se non se sabe cocelo''. A recente viaxe que realizou a Venezuela tamén lle deu ideas e conxuga as receitas de alá coas de aquí. Todo un diplomático culinario.

O proceso de adaptación do polbo ten a súa complexidade e require paciencia. ''A auga ten que adaptarse ao polbo e o polbo á auga'', comenta aos alumnos o chef, ''se non danaremos o polbo''. A analoxía pertinente déixolla a vostedes.

Comentarios