'Come o mar' propón unha ruta polo litoral galego

Come o Mar é o lema co que se bautizou unha proposta de turismo mariñeiro para promover os recursos que ofrecen os preto de 1.500 quilómetros da costa galega, todos eles vinculados á pesca e á gastronomía.

A primeira parada é en Fisterra, no Mar Galaica, que ten a súa sede nunha das rúas máis frecuentadas do pobo. O seu persoal dedícase a aconsellar aos peregrinos que deciden continuar o seu camiño ata este lugar onde din que está o fin do mundo, axúdanos a buscar aloxamento, un sitio para comer e infórmanos de actividades de todo tipo, así como sobre rutas. Martín Calosa e todos os seus compañeiros desempeñan un labor informativo-social e funcionan como unha auténtica axencia de viaxes. O pasado mes maio, di, visitaron a oficina 4.000 persoas.

O Museo da Pesca é a seguinte parada. Alexandre Nerium, pescador e poeta, encárgase de ensinar o recinto. De natureza amable, agrada o seu fino estilismo coa palabra sobre as nasas e a raña, unha pedra con sedela que tamén serve para pescar polbo, a rede de xeito, para a pesca de sardiña ou as poteras para as luras. Tamén fala das caracolas, que as mulleres utilizaban para orientar aos mariñeiros cando había néboa, e dos petiscos, un cabo con moitos anzois para pescar congro ou pescada.

A terceira parte da viaxe inclúe unha ruta en barco. A Fisterra chegaban os peregrinos para bañarse nas augas do fin do mundo e ver a posta de sol. Se queimaban unha peza coa que fixeran o camiño quedaban perdoados de todos os seus pecados. Este é o único camiño que ten a súa orixe en Santiago, non o seu fin.

Tras a comida, que se organiza en casa Anido, unha antiga fábrica de salgadura do ano 1900 de Muros, toca visitar O Canto da Tirotea, un taller de recoñecemento de especies mariñas. A súa misión é mostrar as artes de pesca, ofrecer excursións pola costa galega e recuperar receitas.

Un pescador debulla o proceso: as nasas de madeira utilízanse máis no verán, para a pesca de camarón, nécora... e as de ferro máis no inverno, cando hai mal tempo, porque como pesan máis non rodan tanto. A pesca sostible e responsable baséase no respecto ás tallas mínimas e en non superar os límites marcados. "Hai que defender o mar, hai quen quere gañar diñeiro nun día e outros que queremos vivir disto", manifesta este profesional aos informadores.

Un caso curioso, explica, é o das zamburiñas, que xa case non existen pero que se seguen vendendo como volandeiras, pois son case idénticas en forma e cor pero máis baratas. Outro é o dos percebes galegos e marroquís, que se distinguen pola roca que traen adherida, ou as ameixas finas ou japónicas.

O que se pretende con estes talleres é potenciar a diversidade do mar. Que se consuman especies alternativas fai que as "máis coñecidas" non teñan tanta presión.

En Porto do Son, outro punto na folla de ruta, está O Museo Mariñeiro, que nace coa intención de dignificar a estes profesionais, pescadoras e redeiras da zona. Colección feita en gran parte grazas ás achegas da cidadanía.

O seguinte punto é un emblemático barco, o Joaquín Vieta, o pesqueiro de sardiñas máis antigo en funcionamento de Galicia construído en 1916 no Freixo. Tamén foi barco de cabotaje (transporte de mercancías de cabo a cabo) e levaba sardiña, madeira e cultivos a máis partes de Galicia. Os seus tripulantes "están curtidos no mar'', a patroa é Carmen Lameiro e o cociñeiro Carlos Núñez.

A bordo é posible ir a marisquear con Ricardo e incluso atreverse coa cociña, coa sardiña marinada, unha receita que se usaba antigamente porque o peixe en aceite consérvase moi ben, e co polbo á prancha con dúas salsas de pementos do piquillo e allo e perexil. Unha ruta con bo sabor de boca.

Comentarios