Comida campestre á sombra

Xábrega
Fonte dos Muíños do Xábrega, en Anllo, Sober (Foto: TOÑO PARGA / El Progreso)

Creo que hai que reivindicar a merenda campestre nas festas de Galicia, coa música da gaita á hora do café e os licores como expresión festiva no aire. Reclamo o mantel de cadros vermellos sobre a herba, desprece vostede se quere a bota de viño, e unhas mantas para sentar ao redor. É probable que ademais do feísmo arquitectónico, as desfeitas na paisaxe e a veneración pola bollería industrial, esteamos a borrar do escenario vital auténticas expresións festivas do que somos. Pense nesa comida campestre á sombra duns castiñeiros e carballos e co frescor que transmite o son do río. Pense nesa imaxe bucólica dunha romántica película inglesa con picnic na campiña. Non hai contraposición entre progreso e mantemento de boas e arraigados costumes.

Un clarete frío, chámelle vostede rosado se quere, e que sexa de calidade como o Tres Bispos que produce no Bierzo a adega de José María Fonseca, unha tortilla de patacas e uns bistés empanados, baixo a sombra dunha carballeira e á beira dun río, é todo un festín para estes días de verán. Hai usos e costumes que non deberían perderse, que convén recuperar. Este de a merenda campestre, gaiteiro incluído, debería formar parte da identidade do país, como esas canastras de vimbia e os utensilios adecuados para o picnic.

Aquelas merendas que levaban unha ensaladilla rusa, que hoxe co transporte en frío e sen exposición solar tampouco debe supor un risco sanitario, a tortilla, os bistecs empanados para que a carne se presente branda á hora da comida; a tortilla de patacas que admite todos os engadidos que imaxinarse un poida, desde un algo de chourizo a unhas fibras dun bo bacallau. Unha sobremesa con biscoito, unhas rosquillas ou melindres e unha botella dun Porto que sempre endulza a boca e axuda a facer a dixestión.

Opto por unha merenda que se transporte de casa en cesta e neveira, antes que por calquera outra alternativa de lume para churrasco ou para as sardiñas asadas. Está en contra o risco do lume, está o traballo duns poucos en plena xornada festiva e, haberá que dicilo, está o ambiente que non necesita contaminacións olorosas de fumes e asados. Para isto hai outras ocasións e outros espazos.

Calquera menú pode ser válido para unha merenda, sempre que o seu servizo en frío ou a temperatura ambiente non supoña un problema sanitario na calidade. Claro que sempre queda a alternativa de que un cátering nos sirva no lugar que desexemos. Hai hoxe en Galicia excelentes ofertas e a bo prezo. Esta alternativa sería para unha cita numerosa; nun encontro reducido familiar ou de amigos parece máis lóxico transportar e servirse da comida que se elaborou en casa, desas tortillas que se prepararon a noite anterior. É cuestión, ademais de economía.

Se a crise obriga a certos cambios vacacionais para as sufridas clases medias, quizais esta volta á merenda campestre na festa, que volva ser así romaría, pode ser arma de felicidade colectiva. Probe.

Comentarios