A coordinadora de En Marea empraza ás dúas listas a "dialogar" para desencallar o conflito

Os resultados destas auditorías poderían coñecerse esta semana

Logotipo de En Marea. AEP
photo_camera Logotipo de En Marea. AEP

A coordinadora de En Marea, órgano equivalente a unha executiva nun partido tradicional e integrado exclusivamente por afíns ao portavoz, Luís Villares; emitiu un comunicado na tarde deste sábado no que empraza ás dúas candidaturas a "dialogar" para desencallar o conflito aberto polas primarias, neste momento paralizadas por presuntas irregularidades no censo que poderían acabar co partido nos tribunais. 

"Desde En Marea propomos ás dúas candidaturas dialogar para solucionar de común acordo o resto de defectos do proceso de votación apuntados pola propia comisión de garantías, unha vez que non foron contraditos nin rebatidos polo comité electoral en ningunha das súas resolucións. Entendemos que esa procura de solucións debería conter unha proposta de data de votación no horizonte temporal máis próximo posible", reza o comunicado da coordinadora. 

As eleccións internas de En Marea que debían celebrarse este fin de semana están conxeladas desde as 11.00 horas deste sábado tras a orde de paralización do proceso por parte do representante legal do partido ante a Axencia Española de Protección de Datos, Gonzalo Rodríguez, quen, á súa vez, é portavoz da coordinadora de En Marea. 

A dirección do partido denuncia que unha persoa do Comité Electoral accedeu sen permiso ao censo, que estivo bloqueado durante 24 horas durante as cales, segundo Gonzalo Rodríguez, puido alterarse o censo e acceder aos datos das persoas inscritas en En Marea. 

Así, existen dúas auditorías, unha interna e outra externa, para arroxar luz sobre o ocorrido. No caso de que se confirme que unha persoa non autorizada accedeu ao censo de xeito irregular como denuncia a dirección, esta recorrerá aos tribunais. Os resultados destas auditorías poderían coñecerse esta semana, segundo relatou o propio Gonzalo Rodríguez. 

No seu comunicado, a coordinadora de En Marea asegura que "como organización" está a levar a cabo "as xestións" para "restaurar con moita brevidade a regularidade censal". Afirman que acatan a orde de suspensión da comisión de garantías, que foi rexeitada minutos despois polo comité electoral (no que o sector crítico ten maioría), que alega que o desenvolvemento do proceso é a súa competencia exclusiva e que existen as condicións necesarias para que as votacións leven a cabo con normalidade. 

"Finalmente, e dirixíndonos especialmente ás inscritas, queremos transmitirvos todo o noso agarimo e alento ante esta situación, e comprometémonos a mantervos informadas as decisións que continuemos tomando para garantir a plenitude dos vosos dereitos de participación política, así como a protección dos vosos datos de carácter persoal", conclúe o comunicado da coordinadora de En Marea. 

Comentarios