Corea do Norte di que probou "con perfecto éxito" unha bomba de hidróxeno

O novo ensaio atómico de Pyongyang foi cinco veces máis potente que o anterior e provocou un forte terremoto
Kim Jong-un
photo_camera Kim Jong-un

Corea do Norte informou este domingo que probou con "perfecto éxito" unha bomba de hidróxeno, o que supón o sexto ensaio atómico de país, segundo anunciou a televisión estatal norcoreana KCTV. A bomba pode ser instalada nun dos seus mísiles balísticos intercontinentais (ICBM).

O novo ensaio atómico levou a cabo cun artefacto cargable nos mísiles balísticos intercontinentais que desenvolveu Pyongyang, sinalou o medio estatal despois de que un forte terremoto de orixe artificial fose detectado preto da base norcoreana de probas nucleares de Punggye-ri.

"O test foi realizado cunha bomba cun poder sen precedentes", sinalou a locutora Ri Chun-hee, a encargada de dar as noticias máis importantes para o réxime, quen engadiu que o ensaio tivo "dúas fases" e que non se produciu "ningunha fuga de materiais radioactivos nin impacto adverso no medio ambiente".

O novo ensaio armamentístico norcoreano foi executado por orde directa do líder Kim Jong-un, segundo a KCTV, que mostrou fotografías do mandatario no seu despacho e as súas habituais imaxes propagandísticas sobre anteriores lanzamentos de mísiles.

A proba "tiña como obxectivo examinar e confirmar a precisión e credibilidade da tecnoloxía de control da potencia nuclear, así como do novo deseño e estrutura internos para manufacturar bombas H instalables en ICBMs", engadiu a axencia estatal KCNA.

A potencia da detonación detectada este domingo polos organismos xeolóxicos de países veciños indica que se tratou dun ensaio moito máis potente que os cinco anteriores executados polo réxime.

No seu penúltimo ensaio deste tipo, levado a cabo en xaneiro de 2016, Pyongyang xa afirmou que se trataba dunha bomba de hidróxeno, aínda que análises posteriores apuntaron a que se trataba dun artefacto menos potente que unha bomba H.

CINCO VECES MÁS POTENTE. O novo ensaio nuclear norcoreano tivo unha potencia estimada duns 100 quilotóns, o que supón o quíntuplo que o anterior test atómico levado a cabo hai un ano por Pyongyang,segundo informou o Goberno surcoreano.

A forza do sexto test atómico executado por Pyongyang tamén multiplicou por cinco a da bomba atómica lanzada por Estados Unidos sobre a cidade nipoa de Nagasaki na II Guerra Mundial, afirmou o xefe do comité parlamentario surcoreano de Defensa, Kim Young-woo, en declaracións á axencia local Yonhap.

Comentarios