O BNG achaca a marcha de catro edís en Monforte a un "problema puntual"

Ricardo Rodicio, responsable do partido na comarca, insiste en que o ocorrido non afecta á estabilidade da "organización a nivel nacional"
Pilar López
photo_camera Pilar López

O responsable comarcal do BNG na Zona Sur de Lugo, Ricardo Rodicio, afirmou que a baixa de catro dos cinco edís que ten o partido nacionalista na corporación municipal de Monforte de Lemos, a segunda poboación por número de habitantes da provincia, é a consecuencia dun "problema puntual" nese concello.

"É un problema puntual, exclusivamente de aí, entre o consello local e o grupo municipal do BNG", precisou, que "non afecta para nada ao resto da comarca" nin tampouco á estabilidade da "organización a nivel nacional".

En canto ao que pode suceder no futuro, subliñou que a dirección do partido quere deixar "pasar uns días, para ver como transcorre todo isto", de modo que convocou para o vindeiro xoves unha reunión do Consello Comarcal, "máximo órgano de decisión" do BNG na zona, para abordar esta crise.

"Temos as renuncias de Pilar López –a portavoz do grupo municipal– e de Alicia Cadarso, pero non sabemos nada máis", dixo Rodicio. De feito, subliñou que nin sequera ten constancia do que teñen pensado facer os edís que abandonen a disciplina do BNG coas súas actas.

Comentarios