García de Paredes deberá devolver os case 5,6 millóns da súa prexubilación

A xuíza estima a demanda imposta polo banco e anula o contrato "blindado" que o exdirector xeral adxunto de Novacaixagalicia asinou en decembro de 2010
El exdirectivo de Novacaixagalicia Javier García de Paredes, en una imagen de archivo
photo_camera El exdirectivo de Novacaixagalicia Javier García de Paredes, en una imagen de archivo

O xulgado do Social número 3 da Coruña estimou a demanda interposta por parte de NCG Banco —agora Abanca— contra o exdirectivo da entidade Francisco Javier García de Paredes e a súa esposa, de maneira que terá que devolver ao Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (Frob) os case 5,6 millóns de euros que cobrou ao deixar a institución financeira. Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a xuíza declarou a nulidade do contrato asinado en decembro de 2010 polo demandado e obrígalle a restituír a prexubilación "blindaxe" percibida, condenándoo a reintegrar  ao banco a cantidade percibida.

Na sentenza, afírmase que se substituíron "dúas follas do contrato de 30 de decembro de 2010" e que non se informou dese cambio "á comisión de retribucións e nomeamentos nin ao consello de administración" da entidade. Para a xuíza, "a falsidade da causa do contrato, o dolo e o erro no que incorren a comisión de retribucións e nomeamentos e o consello de administración, que confían" en que o contrato de Francisco Javier García de Paredes "está asinado desde o 30 de decembro de 2010, son absolutamente palmarias".

Sostén tamén que a resolución do contrato de alta dirección do que foi director xeneral adxunto executivo de Novacaixagalicia "nace xa viciado por canto que o consello de administración da entidade prestou o seu consentimento á subscrición do mesmo sen ter un pleno e cabal coñecemento do seu contido". "E aínda das súas consecuencias, tendo en conta que os xestores, incumprindo as obrigacións normativas impostas, non lles proporcionaron unha información clara, comprensiva e completa sobre a súa natureza e sobre as súas características", engade.

Precisamente, na condena da Audiencia Nacional a cinco exdirectivos de Novacaixagalicia Javier García de Paredes foi absolto despois de que a Fiscalía retirase a súa acusación na fase de informes do xuízo, cando se ofreceu a reintegrar as cantidades cobradas no seu caso.

No xuízo, os demandantes pedían que se declarase o nulo o contrato de alta dirección que tiña García de Paredes e, nese caso, que devolvese as cantidades percibidas. Pola contra, a defensa do exdirector xeral adxunto de Novacaixagalicia reiterou, como sostivo tamén García de Paredes na súa declaración, a vontade do seu cliente de devolver parte destas cantidades.

Sobre o contrato subscrito, tanto o que foi presidente de Caixa Galicia, Mauro Varela, como o que foi o seu vicepresidente, Salvador Fernández Moreda, dixeron que, coa fusión con Caixanova, acordouse equiparar os soldos de todos os altos cargos e que se lles informou, nun consello de administración de 2010 e na comisión de retribucións, do contrato de García de Paredes. No entanto, admitiron que non chegaron a ver o seu contido.

Pola súa banda, os que fosen presidente e conselleiro delegado de Novagalicia Banco, José María Castelán e César González-Bo, respectivamente, derivaron no Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (Frob) a responsabilidade de que o que fose director xeneral adxunto de Novacaixagalicia, Javier García de Paredes, non abonase parte das cantidades cobradas.

Comentarios