Os militantes da CUP comezan a votar logo un intenso debate

Durante a xornada haberá catro consultas para ir descartando escenarios a favor ou en contra do acordo con Junts pel Sí, ata que una das opcións alcance máis do 50% dos apoios. A votación é secreta

A asemblea da CUP que se celebra este domingo en Sabadell (Barcelona) chamou aos seus 2.988 participantes a proceder á primeira votación sobre a investidura de Artur Mas como presidente da Generalitat, tras máis de tres horas de intenso e disputado debate, cunha cincuentena de intervencións a favor e en contra.

O 42,37% dos militantes e simpatizantes inscritos pediron votar en segredo, máis do 25% que establecera a formación para realizar este tipo de votación.

Sobre as 13.15 horas, os voluntarios que controlan os accesos á pista cuberta de atletismo de Sabadell pecharon as portas para proceder nos próximos minutos á votación secreta, na que os participantes deberán introducir a súa papeleta nunha das 50 urnas instaladas no recinto.

Os primeiros en intervir ante a asemblea, a partir das 9.30 horas, foron os deputados que participaron na negociación con Junts pel Si (JxS). Segundo fontes presentes no encontro consultadas por Efe, fixeron unha exposición "neutra" das conversacións e dos contidos da proposta de acordo exposta por JxS.

Posteriormente, foron tomando a palabra representantes das organizacións territoriais da CUP e participantes na asemblea que o pediron e tocoulles por sorteo.

As intervencións en contra de axudar a investir a Mais sostiñan que o "presidente dos recortes" non podía ser quen guiase agora o proceso cara á independencia. "Mas non nos fará gañar o proceso", exclamou un dos oradores da CUP procedente do Pirineo.

"Temos unha responsabilidade histórica nas nosas mans. Non podemos traizoar a nosa historia", proclamou outro "cupero" de Arenys de Mar (Barcelona) para defender o "si" ao acordo con JxS.

Nesta primeira votación, os asemblearios teñen que elixir un dos catro escenarios que se lles expón na papeleta.: un, aceptar a proposta de acordo de JxS e facilitar a investidura de Mas; dous, rexeitar o nome de Mas e insistir a JxS en que propoña un nome alternativo ou se convoquen eleccións; tres, rexeitar a proposta de acordo de JxS pero facilitar que Mas sexa investido; e catro, absterse na investidura de Mas e instar a JxS a buscar outros apoios que permitan que sexa nomeado president ou resignarse a unhas novas eleccións.

En cada votación elimínase un escenario; pola tarde terá lugar a segunda e a terceira rolda de votacións, ata que unha das opcións alcance máis do 50% dos apoios.

Comentarios