Jorge Prado abandona no Premio de Portugal

O lucense non consegue sumar ningún punto en Águeda ► Retirouse na primeira manga ante o seu mal estado físico
Jorge Prado, durante el Gran Premio de Portugal
photo_camera Jorge Prado, durante el Gran Premio de Portugal

O galego Jorge Prado, a nosa máxima esperanza no Mundial de motocrós, atravesa por momentos difíciles. Tras o seu desmaio no "inferno" de Ottobiano hai unha semana, o mozo galego reaparecía no Gran Premio de Portugal coa ilusión de callar unha boa actuación ante os numerosos afeccionados desprazados desde Galicia, pero todas as boas expectativas quedaron difuminadas nas últimas voltas da primeira manga cando Jorge foi perdendo posicións e optou por coller o camiño dos boxes: "Estou esgotado e baleiro. Non me recuperei ben e desde o principio estaba sen forzas nas pernas e os brazos. Aguantei as primeiras voltas loitando na cabeza, pero despois fóronme pasando e estaba a arriscar a sufrir unha caída importante. Síntoo por todo o público que veu ata aquí só para verme".

Prado fixera unha boa clasificatoria o sábado, remontando con moita velocidade tras unha caída na primeira volta. Iso permitíalle arrincar o domingo no posto duodécimo do valo e volver marcar un dos seus sorprendentes "holeshot" que o situaba na cabeza de carreira na primeira curva. A partir de aí Prado mantívose na loita de cabeza con bonitos duelos con Jonass, Seewer ou Covington, pero logo foi perdendo posicións ata optar polo abandono ante o seu mal estado físico. No descanso entre as dúas mangas, os responsables do equipo Red Bull-KTM tomaron a decisión, acordada con Jorge, de non saír na segunda manga: "Cremos que non ten sentido arriscar de novo e que agora o que toca é descansar uns días na miña terra, facer un bo recoñecemento médico e recuperarme para o que queda de campionato".

Jorge perdeu así a posibilidade de sumar puntos e cedeu un posto no xeneral, agora é oitavo. Do resto de españois destacou Iker Larrañaga con dous undécimos postos nas mangas, para ser décimo no xeneral e José Butrón en MX1 foi décimo sexto. O Gran Premio foi gañado por Jeremy Seewer en MX2 e Antonio Cairoli en MX1. A seguinte carreira será o día 23 de xullo na localidade checa de Loket.

Comentarios