Manuel Martínez denuncia ante a Valedora os "incumprimentos reiterados" da Deputación

Acusa a Campos de non admitir a debate as súas emendas, non cumprir acordos como a construción da residencia de Becerreá e non responder aos seus recursos. "Causa un grande prexuízo ao meu dereito ao cargo", indica o deputado non adscrito
Manuel Martínez
photo_camera Manuel Martínez

O deputado non adscrito Manuel Martínez presentou ante o Valedor do Pobo unha serie de queixas a través das que pretende denunciar os "reiterados incumprimentos" do goberno da Deputación de Lugo.

O alcalde de Becerreá acusa o presidente da institución provincial, Darío Campos, de non admitir o debate e a votación das emendas que presentou aos orzamentos. Tamén o acusa de "non cumprir a obriga" que lle impón o ordenamento xurídico de executar acordos adoptados polo organismo provincial, como a construción da residencia da terceira idade en Becerreá o restablecemento de todas as súas competencias, que no seu día foron delegadas á xunta de goberno, ou a modificación das condicións dos deputados non adscritos.

Outra das súas reclamacións é a resolución de varios recursos que interpuxo ante decretos de Presidencia, como no que "se resolve denegar despacho ou local" a Martínez ou o rexeitamento a que forme parte da xunta de portavoces. "Non contestar aos meus escritos e recursos, esgotar os prazos ou provocar silencio administrativo que me obrigue acodir á via xurisdiccional, causa un grande prexuízo ao meu dereito ao cargo tendo en conta ademáis que xa pasou un ano do meu mandato lexislativo sen poder exercer os meus dereitos", explica no seu escrito o deputado non adscrito.

Comentarios