Canto se nota a auga no viño?

Participantes de la cata en la Politécnica (Foto: J. VÁZQUEZ)
photo_camera Participantes de la cata en la Politécnica (Foto: J. VÁZQUEZ)

Ata o ano 1996, en España estaba prohibido regar as viñas, e esta práctica non sempre tivo boa fama porque se pensa que rebaixa a concentración de azucre e o grao de alcohol dos caldos, indica Javier Cancela, un dos investigadores do grupo de Fertirrigación e Necesidades Hídricas da Escola Politécnica de Lugo que realiza un estudo sobre o efecto de distintas prácticas vencelladas á rega e ao uso de cubertas vexetais nos viños das cinco denominacións de orixe galegas. A investigación, que dura tres anos, comezou no 2012, e este xoves 2 de maio iniciáronse na Escola Politécnica as primeiras catas para determinar se os consumidores perciben diferenzas relacionadas con estas variacións.

Cancela asegura que ben utilizada, a rega eleva a produción e mantén a calidade do viño. «Permite que de ano en ano se poida ter uva de iguais características», e non ten por que rebaixar o grao de alcohol se se respetan os prazos de vendima, que normalmente será máis tardía no caso da rega, indica. Este investigador comparte a coordinación dunha parte do estudo con Benjamín Rey. O traballo sobre a influencia das cubertas vexetais corresponde a persoal da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega).

Na cata que se fixo onte participaron arredor de trinta persoas, entre estudantes e profesores, que probaron sete godellos e dúas treixaduras; a semana próxima farase outra con outras nove referencias. Tamén haberá unha cata profesional en Leiro. Os viños colleitáronse en catro adegas comerciais e unha parcela de experimentación. Elaboráronse pequenas cantidades, arredor de 50 litros, utilizando distintos parámetros controlados, para poder comparar resultados.

Cancela matiza que a rega que se fai en Galicia «non é a mesma que se fai noutras partes de España, como na Rioxa, aquí úsase moita menos auga, entre 60 e 90 litros por metro cadrado».

O estudo tamén investiga as posibilidades da fertirrigación, a aplicación de abonos solubles na auga, axustados á fase de desenvolvemento da planta. No segundo ano do estudo valorarase os efectos desta técnica no produto. O equipo traballa con dous sistemas: un soterrado a uns 40 centímetros, que ten unha menor evaporación, e outro superficial.

Segundo Cancela, «a tendencia xeralizada é que cada vez se precisa máis auga» polo cambio das condicións climáticas.

Comentarios